22 de agosto de 2007

CASA DE MENDOZA. BASADRE

Na arquitectura civil de Basadre quedan reminiscencias de casas pacegas, hoxe moi deterioradas por sucesivas reformas que alteraron a arquitectura orixinaria. A Casa do Amor, a Casa do Convento e a que hoxe vos quero presentar, coñecida como a Casa de Mendoza.
Era esta a casa solar dos Basadre, que tivo couto e xurisdición nesta zona despois do século XV. A esta liñaxe pertenceron varios coengos e cabaleiros de Santiago, rexedores perpetuos desta cidade, militares, etc. De entre eles citamos a Benito de Basadre e Mendoza que foi paxe e xentilhome de Carlos II.
Esta casa estaba emparentada coa Casa Grande de Eidián, con quen comparte escudo de armas. O escudo estaba colocado sobre unha portada existente na fachada de poñente. A reforma, hai pouco anos, deste pabellón deu co brasón no chan do recinto da eira, preto do porral.
Do vello edificio quedan en pé as construcións adxectivas, a portada do curro e algunha ventá de sólidos perpiaños.
O brasón, moi erosionado, apenas perceptible sen sombras que lle dean relevo, é semellante ao que hai no Pazo de Eidián sobre a porta da cociña. Ten feitura española, co campo partido. No primeiro cuartel presenta escaques (quizais dos LÓPEZ, ao igual ca no Pazo de Trasulfe) que unido coas armas que figuran no segundo cuartel, trece roeis, foron adoptadas polos López de Basadre.
Arriba aparece o brasón debuxado por X. M. Broz, onde poden verse claramente os motivos esculpidos.

1 comentario:

  1. Estimado Busto: Noutra casa o carón desta vin hai pouco tempo un escudo ben labrado con armas dos taboadas (taboas e caldeiros)¿Poderia tratarse da Casa do Amor ou do Convento que refires?
    SaUDOS. Daniel González Alén-LALIN

    ResponderEliminar