23 de agosto de 2007

O CASTRO DE ARTOÑO

A principios de agosto escribín aquí unha entrada onde lanzaba a hipótese da existencia dun castro en Artoño, nas inmediacións do campo da festa do San Ramón. Hai dous días fun visitar o lugar e falar cos veciños. E só tardei uns minutos en decatarme de que tal existencia é unha realidade. Todos os veciños denominan o lugar "O Castro". As leiras que están en primeiro plano na foto de abaixo reciben a denominación de "Tras o Castro". A continuación adentreime nunha zona boscosa con abundancia de matogueiras e puiden observar as pendentes que conducían a unha pequena meseta circular. Se houbo murallas e foxo, estes terían desaparecido por mor dos traballos agrícolas e silvícolas. A forma do outeiro é a dun tronco de cono de ampla base. Ten as mellores defensas na forte pendente que presenta cara o norte, alcanzando os agros de Berredo (hoxe interrompida por unha estrada local que corta a liña da pendente). Igualmente cara o sur presenta un forte declive do terreo acadando o campo do San Ramón e o camiño que vai a Ascontra e a Artoño.
Nun traballo que elaborei sobre os castros, presentado no mes de maio, omitín este castro por descoñecer totalmente a súa existencia. Ben é certo que tiña pensado na posibilidade de que en Berredo houbese un castro que explicase a orixe da aldea. A orixe de Artoño quedábame cuberta coa existencia do recinto castrexo de Buxel. Ningunha das fontes que consultara recollía a existencia de castro en Artoño: "Os castros da comarca do Deza" de Xulio Carballo Arceo e o Mapa e Inventario de Patrimonio Arqueolóxico da Dirección Provincial de Patrimonio Cultural.

Nesta zona é onde supoño que estaría a croa do castro, hai un pequeno declive desde a meseta da eira. Corresponde a cara norleste.
No outro extremo da croa, no suroeste da meseta, encontrei con esta sorpresiva pista polideportiva. Non sabía da súa existencia. Volvín ter a mesma impresión que me causara a pista polideportiva de Carmoega: a pena de saber que está infrautilizada e semiabandonada. As silvas colonizaron e fortificaron o valado de arame.
Ladeira leste do outeiro onde se asenta o castro, repoboado con carballos e cun sotobosque no que predominan toxos e silvas.
Ladeira Sur onde tamén se advirte a pendente pronunciada do outeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario