16 de agosto de 2007

PAISAXES NAS RIBEIRAS DO ARNEGO

Camiñar polas ribeiras dos ríos garante a presenza de paisaxes de excelencia. Facelo polas ribeiras do Arnego engade a plusvalía da soedade e a paz. Pódense elixir camiños de pescadores que beirean a corrente fluvial, estreitos, difíciles ás veces, onde os sentidos se colmatan coa frescura líquida, co balbordo das cachoeiras, co arrecendo limpo e mollado das troitas. Outras veces pódese percorrer a ribeira por camiños forestais e da concentración parcelaria, máis elevados e apartados do río, onde aínda se escoita o fragor da auga nas tostas e a vista sobrevoa as copas das árbores. O río vese a cachos e a conxunción das ladeiras define claramente o cauce.
Na foto superior, obtida desde os campos de Paradela (Carmoega), vese unha poza que trazan as ladeiras de Velpellós, Garlín e Rodís sobre o Arnego, moi preto da desembocadura do rego do Porto do Frade. No horizonte, á esquerda, a Serra do Faro, e á dereita, as mancaduras das canteiras de Cadrón (Lalín).
Na foto de abaixo, tomada desde os lindeiros de Garlín e Paradela, ollamos cara o Sobreiral e ao fondo vemos a quenlla de Santabaia-Cercio (Lalín) e no cume, o monte Carrio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario