24 de setembro de 2007

ARQUITECTURA RECUPERABLE

As parroquias que ollan o Farelo de preto, nos concellos de Agolada e Rodeiro, posúen unha arquitectura magnética, realizada co mellor granito que se colleita nos arredores. As casas gozan dunhas feituras e proporcións adaptadas á súa funcionalidade. Toda a sabedoría canteira aprendida ao longo dos séculos materialízase nas casas, nos hórreos, nos alpendres... conformando un urbanismo non planificado pero dotado de harmonía, escala, pragmatismo e en perfecta simbiose co entorno.
Desde os anos 50 do pasado século véñense repetindo as agresións múltiples e variadas a esta arquitectura herdada coma se xa non sentísemos respecto polo pasado. Semella que perdésemos o bo gusto e que non nos preocupa a estética da arquitectura.
Na casa que recolle a foto que ilustra esta entrada hai poucas agresións, pero moi visibles. É recuperable, pero así leva bastantes anos e segue a sumar agresións. O depósito de fibrocemento no tellado, asentado sobre plataforma cúbica de ladrillo visto, a tubería que baixa en diagonal perforando o balcón, a placa de formigón que serve de base ao balcón,o tellado de uralita cubrindo o corredor, a rea de bloques que se pretende sexa a varanda do corredor e as columnas de tubo metálico do corredor son auténticos despropósitos arquitectónicos que rompen con toda a historia e perfección da construción.
Tanto traballo nos muros e tanta graza nas ménsulas arruinados pola ausencia de sensibilidade e o bo gusto arquitectónico.

5 comentarios:

  1. Vamos, unha auténtica desfeita. Por desgraza, algo parecido acontece en tódolos concellos galegos

    ResponderEliminar
  2. A cuestión: está habitada?
    O abandono e a máxina agresión que pode sufrir o resto como ben dis e recuperable

    ResponderEliminar
  3. Veciño Busto!
    alguén me trouxo, gardados con agarimo, recordos teus. Recibinos co sorriso de que recibe o bico dun vello amigo que volve logo de moito tempo!
    Obrigada!! Ata prontiño, compañeiro, e unha aperta ben boa tamén para ti!
    Vanessa

    ResponderEliminar
  4. Sensibilidade, ese é o grande problema. Gustaríame que algún día que pases por Vila de Cruces botes unha ollada nun dos laterais da igrexa para comprobar como o concello, aproveitou onde onte había un reloxo de sol para poñer hoxe unha placa co nome da praza.
    Saúde e terra, Sr. Busto.

    ResponderEliminar
  5. Mueja pregunta se está habitada. A resposta é non. Eis pois a máxima agresión e a doenza que padecen moitas das nosas aldeas.

    ResponderEliminar