19 de setembro de 2007

CARRIL BICI TOTAL


Hai algúns días bromeaba cuns amigos sobre as vantaxes que ofrece Agolada sobre as cidades. Unha das que destacaba era a ausencia da necesidade de construír carrís específicos para bicicletas. O territorio aqualatense conta cunha rede de centos de quilómetros idónea para desprazamentos en bici. Pódese elixir o asfalto das estradas locais cun tráfico de automóbiles case inexistente ou as múltiples pistas que se abriron canda as concentracións parcelarias.
Só habería que exceptuar os 19 quilómetros das estradas principais.

Tamén as pistas forestais que levan aos recantos máis alonxados dos núcleos de poboación.
Camiños para os desprazamentos obrigados e vieiros para gozar na plenitude do bosque, polo fondal dos vales ou para outear paisaxes desde os curutos sobranceiros.
Velaquí o reino da bicicleta. O meu reino, alomenos eu síntome coma un rei. Iso si, levo casco en vez de coroa e non preciso súbditos, só un gran feudo que percorro a golpe de pedal.

3 comentarios:

  1. Eu son mais de poñerme as botas e camiñar, pero semella que tamén para eso Agolada é propicia.
    Grazas pola tua visita. Encontro este blog ben interesante e ameno asi que voltarei. Como tui dis seguramente compartimos moitas cousas.
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Que fermosas as fotos, Busto. Onde estean as corredoiras e os camiños de toda a vida para respirar tranquilidade, que se quite todo o demais.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar