Esther é a nena da dereita, Obdulia, a súa irmá, aparece á esquerda. As dúas collidas da man da súa avoa Vicenta Neira Carreira da casa de Neira de Ferreiroa. Tamén era a avoa doutros dous veciños de Agolada: de David e Manolo do Lousa.
A foto data de principios dos anos 30, é polo tanto unha reliquia. Case con seguridade se podería afirmar que foi feita un día de feira, que era cando a xente dos arredores acudía ao mercado no que non faltaban os retratistas coa súa cámara obscura de placas apoiada sobre trípode con patas de madeira. O fondo era unha tela pendurada de calquera parede, que nos trasladaba a un mundo imaxinario e alonxado da cotidianeidade.
As nenas, andando os anos, habían de se instalar en Agolada con casa de seu e confeitería na planta baixa. Eran coñecidas como "As Dulceiras".
Na foto énos fácil entender cómo eran as vestimentas e os peiteados daqueles anos. E a pouco que un repare, as mans da avoa expresan co seu tamaño a dedicación aos traballos labregos.
Esther vive en Madrid cunha filla desde hai uns anos. Por mor da idade e dos achaques. Foi veciña miña das que se din de porta con porta. A súa ausencia queda día a día reflectida nas persianas baixadas da súa casa. Esta foto tráenos o seu recordo e a ocasión para lle mandar unha aperta.
Grazas a Fidel Torreiro por me enviar esta imaxe entrañable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario