A historia da empresa Meixide, como a de case todas as empresas familiares, empezou cun emprendedor, José Meijide Blanco, pai do actual propietario que no ano 1924 decide empezar no sector do transporte de viaxeiros cun Ford de 8 prazas. Despois compaxina este servizo co transporte de mercadorías cun camión Dodge Brothers adquirido no 1933.
No ano 1936 compra o primeiro autocar novo, un Dodge de 27 prazas o cal decomisaron ao iniciarse a Guerra Civil e utilizárono para transporte de tropas durante os 3 anos que durou o enfrontamento armado.
Ao finalizar a contenda José Meijide realiza tamén o servizo de taxi no concello de Agolada cun turismo da marca Esses.
No ano 1948 compra un Daimont de 28 prazas dedicándoo a feiras, festas e mercados. No 1954 adquire un novo Dodge de 30 prazas modelo Carnero (o que aparece na foto) no que o seu fillo Adolfo, en primeiro lugar empeza como revisor e mais tarde como conductor. Agora Adolfo segue ao fronte da empresa, xestionada polo seu fillo máis novo, tamén chamado Adolfo. Xa case unha saga familiar.
Este autobús da foto foi o primeiro que eu lle coñecín e nel viaxei algunhas veces a Lalín, a Monterroso e ás festas da Saleta das Trabancas e ao Faro de Ventosa. Lembro que unha vez na volta da festa de A Saleta houbo pasaxeiros que ían na baca de enriba e outros apoiados no voadizo que había no exterior das portas. Ben seguro que somos moitos os que aínda gardamos memoria del. Entón as viaxes eran menos habituais que agora.
(Parte dos datos están extraídos da web da empresa).
Miña nai tiña unha barbería na Trabe, Ponteceso. Diante dela, os días de feira, aparcaba un autobús tal cual ese. Non podo concretar a marca, pero sí a empresa, Autos Oróns, de Agualada. Na parte de arriba viñan moreas de cousas, e mesmo creo recordar que tiña uns banquiños nos que, ás veces, viña xente.
ResponderEliminarLembro ter visto, xa medio destartalado, un vehículo similar de Autocares Surga. Na baca de arriba tiña dúas ou tres filas de asentos para a xente.
ResponderEliminar