28 de outubro de 2007

A PONTE BALSIÑA


Hai catro anos que souben desta ponte sobre o Arnego. É a penúltima ponte no curso deste río. Comunica o fondo de Brántega cos muíños de Navaza, na parroquia cruceña de Toiriz.
É unha ponte peonil que conta con tres peares, o central apoiado nunha rocha que emerxe do río. A plataforma, de metro e medio de ancho, está montada con táboas transversais apoiadas sobre trabes de madeira. Ten tamén varanda do mesmo material.
Na foto da esquerda vémola ollando cara o territorio de Agolada.
A ponte foi restaurada hai poucos anos, substituíndo a antiga que non contaba con varanda quitamedos.
Así era a ponte antes de ser restaurada. A foto cedeuma Carlos Fernández da Asociación A Boutureira de Brántega.
Deixo para outra ocasión o muíño e a súa historia. A paraxe meréceo.

4 comentarios:

  1. A ver: tiña varanda, claro que tiña baranda. Digocho eu que tamén son sentimental, tamen souben dela ai xa bastantes anos, e tanto me impresionou que me quedei a vivir a caron dela doce anos ata que voltei a Castilla, que é a miña terra. Eu non son bloguero (quero decir que non teño costume de andar nos blogs)pero se me das un enderezo electrónico podo mandarte algunha imaxe de cando eu a coñecin. E disculpade porque o tempo que vivín ali chegoume para aprender a falar algo de galego pero escribindo son un desastre total.
    Fernando

    ResponderEliminar
  2. Estimado Fernando: Sei de ti, que es de Venta de Baños, que estiveches de médico no ambulatorio de Lalín, que fixestes, ti e máis a túa dona un importante labor social en Toiriz. Eu son compañeiro de Manolo Igrexas, quen me falou da vosa amizade.
    Déixoche o correo:
    mbusto@edu.xunta.es
    Saúdos e non temas polo teu galego espléndido.

    ResponderEliminar
  3. Eu tamén coñecín esta ponte fai bastantes anos e a verdade e que non era apta para mixiricas. Ó cruzala co río embravecido polas crecidas do inverno non era prato de gusto, ainda que agora vexo que está perfectamente restaurada.
    O gusto pola pesca levoume a coñecer moitos rincóns, e este é un deles. Fermoso, sen dúbida.
    Sabía tamén que na outra beira do río vivía un médico que traballaba en Lalín, e recordo que algún troiteiro dicía, "hai que estar ben tolo para vivires eiquí, co frío e as neboas do río". E eu pensaba para mín, "quen me dera ter desa loucura".
    Un saudo.

    ResponderEliminar
  4. Bonito lugar, xa teño estado alí un par de veces, pero era moi cativo, a ver cando meu pai me leva de novo alí cun pouco máis de calma, xa que queda bastante lonxe para ir andando dende a casa da miña avoa.
    Un saúdo de Alberto.

    ResponderEliminar