7 de novembro de 2007

FERVENZA DO RÍO LENTISCO

Hai poucos días, ao falar deste regueiro, o Lentisco, aludía a unha fervenza reseñable no seu curso. Eu fun fotografala no verán de 2006. É certo que é cando mellor se accede pero se queres fotografar unha fervenza hai que ir no inverno. As fotos que eu saquei teñen menos luz ca esta e desde logo, o río leva menos auga. Por iso recurrín a unha foto que Manolo Castro publica nun dos seus blogs: FERVENZAS DE GALICIA. Por certo, el denomínao Baíña. O río Lentisco cando pasa por Couso (Borraxeiros) recibe o nome de Rego de Couso e xa en terras de A Baíña chámanlle o Rego da Baíña. Pero o nome que lle dá unidade a todo o curso é o de Lentisco.
Esta fervenza encóntrase no tramo comprendido entre a Ponte da Vila e os primeiros prados de Buxel. Nun curto percorrido dun quilómetro baixa desde os muíños do Manchado, encontra outro muíño do relón xa ruinoso, baixa ata a fervenza, onde o cachón se fragmenta en dous, e logo nunha pronunciada pendente move cinco muíños, con cadansúa moa, practicamente unidos. Nun caso, a auga que sae do rodicio é aproveitada inmediatamente no canal do seguinte muíño, a escasos metros. Un verdadeiro parque natural e etnográfico, tan á man.

1 comentario:

  1. segue coa mesma cantidade de auga? porque con esta sequía non sei eu. Un saudo

    ResponderEliminar