12 de novembro de 2007

NIÑOS EN CARMOEGA

Nas fotos que ilustran esta historia aparece a antiga escola de Carmoega (Agolada) onde ocurriu a anécdota da que vos vou falar, propiciada por aquel ensino de finais dos anos 50, desgaleguizador e alonxado da fala dos alumnos.
Nun pupitre de madeira que había entre estas paredes caleadas sentou por primeira vez un neno chamado S. Tiña seis anos e era o seu primeiro día de escola. Ata entón S. vivira na aldea, sen luz eléctrica, sen radio, sen televisor, sen oír unha soa palabra en castelán. A mestra, galega de nacemento, falaba castelán e cando chegou a hora do recreo pronunciou as palabras máxicas, que eran mel nos oídos dos nenos: "Niños, podéis salir al recreo".
Saíron e xogaron naquela media hora de setembro, no camiño á beira da escola. Transcurrido ese tempo a mestra volveu chamar aos escolares. Sentaron en cadanseu pupitre e decatáronse da ausencia de S. A mestra mandou buscalo, sen éxito. Ao cabo dunha hora apareceu S., temeroso e case xemendo. A mestra interrogouno por aquela tardanza e polo seu paradeiro. O rapaz só puido argumentar: "Fun buscar niños pero non atopei ninghún". E as gargalladas dos compañeiros afogaron aínda máis a timidez de S. naquel seu primeiro día escolar. Buscar niños era un dos enredos dos rapaces da aldea, maiormente cando se ía gardar as vacas aos prados.
Unha soa palabra causara aquel malentendido. Un vocablo que só tiña un significado no mapa conceptual daquel neno: lugar onde habitan e crían as aves. Aquel mesmo día aprendeu o que significaba esa palabra en castelán.
Son varias as mestras que lembro nesta escola. Algunhas estiveron bastantes anos coma dona Matilde de Melide e xa nos derradeiros anos as profesoras sucedíanse a razón de unha ou dúas por ano. Cito unha destas últimas que é hoxe a primeira dama galega. Si, dona Esther Cid Cadavid, a muller do presidente da Xunta D. Emilio Pérez Touriño.
Neste edificio estudaron todos os meus irmáns e eu fun alumno ocasional en breves tempadas primaverais. A escola pechou en 1978 cando foi concentrada no colexio de Agolada. Agora o edificio presenta un deterioro notable e agarda por un comprador que lle dea un novo uso.

8 comentarios:

  1. Nesa foto ainda se pode percibir o barulliño das escolas unitarias, aroma a lápiz e goma de borrar...e a dureza do castelán en voz do mestre/a.

    ResponderEliminar
  2. Bonita anécdota. Lémbrame ao famoso: Cuantos años tienes ?. Años ningún pero teño dúas ovellas.

    Eu coñezo unha rapaza que o primeiro día de escola a profesora preguntou se alguén sabía dun peixe de río e ela dixo toda contenta " truita ". A risa que provocou deixouna muda todo o curso.

    ResponderEliminar
  3. En cada escola rural houbo moitos e moitas "S". Eu fun un ano á escola unitaria de onde nacín. Un ano namais. E nembargantes alguns dos peores recordos que teño da infancia levan posto de primeiro apelido maestra e de segundo escola.
    Contradictorio ¿non si?.
    Ainda bo é que outras aulas e outras maestras me axudaron a escapar daquela podadora de personalidades.
    Pero tiña algo bonito: detrás da escola había unha carballeira pequena, e nacían no chan, en outono, unhas froriñas de color lila, que nunca cheguei a saber como lle chaman... Cando de cando en vez as atopo nalgures, a metade do corazón para e a outra latexa.

    ResponderEliminar
  4. Fermosa viaxe á nosa identidade, Busto.
    Gustoume moito o teu relato.
    Apertas

    ResponderEliminar
  5. Como siempre, fermoso post. Recorda a realidade que viviron moitos nenos do galego rural

    ResponderEliminar
  6. Para Zeltia
    Esas flores das que falas xas as postou BUsto e chámanse quitamerendas ou comemerendas; este nome é relativo á época do ano en que aparecen.
    Eu tamén fun a unha escola unitaria, ben preto da de Carmoega. Como zorregaba co vimbio aquel mestre.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  7. Hai algo nestas historias que conectan coa memoria dos meus avós, que foron á escola pouco e mal, nos tempos que sobraban que nunca eran moitos. Sempre sinto que tamén deles falan estas memorias. E de min, claro. Do que son e do que fun nos meus.

    ResponderEliminar
  8. Algo parecido nos pasó a nosotros, mi marido tubo que aprender el Castellano por que en su casa hablaban solo el Gallego y en el colegio no se lo permitían, y a mí tanto en casa como en el colegio cuando hablaba gallego me decían “habla bien”
    Consecuencias; podemos hablar bien el Gallego( nunca dejamos de hacerlo) pero nos cuesta mucho escribirlo, ahora a mis 58 años estoy aprendiendo.

    ResponderEliminar