16 de novembro de 2007

UNHA URBE DE PENDELLOS

En varias ocasións teño pensado cómo é que os etnógrafos e arquitectos non se teñen parado a estudar detidamente esta pequena-gran urbe de pendellos, pole efímera dun día ao mes que se convertía en ágora nutrida de tratos, saúdos, parrafeos e mercadeo.
Algunhas opinións apuradas advertiron neste urbanismo ausencia de planificación pero non falaron da perfecta estruturación acadada, na que as rúas, prazas e canellas forman un reticulado de paralelas e perpendiculares que se aliñan harmoniosamente cos camiños reais que se cruzaban na penechaira aqualatense. As rúas non foron debuxadas co tiraliñas, mais ben parece un bosquexo a man alzada, realizado paseniñamente ao ergueren sucesivamente cada pendello do recinto.
A foto que vos ofrezo con esta entrada, da autoría de Manuel Buján "Magar", recolle unha calella que parte da praza da Randulfa e vai paralela ao Paseo da Parranda. O pendello-expositor que aparece en primeiro termo, á esquerda, hai xa bastantes anos que foi tirado e substituído por un caseto de ladrillo recebado con morteiro de cemento. Na primeira actuación que fará a Consellería de Cultura no recinto, vai incluída a recuperación deste expositor por estar anexo á casa da Neves. Recuperará a fisionomía que podemos aprezar na foto e con ela a posibilidade de usalo para feiras, exposicións, mostras de artesanía, etc.
O primeiro pendello da dereita estaba no ano 1974 sen tellado e usado como galiñeiro. Un tea de arame rodeaba os monolitos pétreos. Dos demais que se ven, case todos pereceron ante o abandono e a desfeita.
Esta foto que nunca figurará nunha antoloxía artística, posúe un elevado valor documental por ser a única que recolle o primitivo estado da rúa. É un valor histórico, arquitectónico e agora posúe un impagable valor para podermos ser fieis na restauración.
Hai tres anos comecei cun labor de investigación e búsqueda de fotos por diferentes arquivos. Outras chegaron a min por si soas. Agora levo xa máis dun ano sen recibir nin procurar sorpresas que nos aleden nesta reconstrución do pasado feiral de Agolada. A ver se algún dos lectores nos puidera botar unha man nesta tarefa. Agradecemos fotos dos pendellos, da feira ou na feira. Moitas grazas.

2 comentarios:

  1. A ver se hai sorte . Por a miña conta preguntarei ás miñas amistades.

    ResponderEliminar
  2. Eu creo que non te vou poder axudar na tua labor, pero moita sorte nesta recopilación

    ResponderEliminar