A aldea de Couso de Arriba é un lugar da parroquia de As Trabancas. Curiosamente esta é unha parroquia que pertence á cunca hidrográfica do Arnego coa única excepción de Couso de Arriba que verque as súas augas na cunca do Ulla. Outro dato paradoxal é o de que Couso de Abaixo pertence á parroquia de Borraxeiros.
Couso de Arriba está formado por catro casas labregas, algunha deshabitada. Destaca a casa de Blanco que ten aparencia de casa fidalga e onde se advirte un pasado de colleitas abundantes. Algúns elementos construtivos de recente incorporación viñeron a deturpar unha arquitectura que ata hai pouco anos mantiña intactas as características da vivenda tradicional.
De neno acudín en varias ocasións a esta aldea pola festa de A Saleta. Desde o campo da festa ata a Couso hai case dous quilómetros que se percorrían por camiños e carreiros poeirentos ou enlamados segundo estivese seco ou mollado. Naquel percorrido aínda latexaba o verdadeiro bosque caducifolio, propio desta zona, con predominio do carballo e do bidueiro e onde a presenza das aves de rapina e as alimañas era máis ca un presentimento. Del pouco queda por mor da concentración parcelaria e da apertura de innúmeras pistas de xabre e asfalto. ¿Que gañamos?
O topónimo Couso poida que teña que ver cun dos significados comúns desta palabra: leira pequena, normalmente cercada, disposta ou axeitada para o cultivo de legumes.
Na Saleta das Trabancas, aló polo ano 1982 (que noviño era!!), selei un pacto que ainda hoxe perdura...(que novo son!!!)
ResponderEliminarA estampa esa do Couso é tan familiar coma si estivera alí. Habia na miña aldea moitos lugares coma ese.
ResponderEliminarE os mais quedaron tolleitos ou esnaquizados por as múltiples pistas que abriron cando o da parcelaria. De certo cambiou tanto a paisaxe que desapareceron carballeiras, herbeiras, brañas...
Preguntas ¿que gañamos? eu nada, excepto chegar co coche á porta da eira da casa onde nacín. Non sei o que gañarían os que seguen a vivir alí. Supoño que unha vida mais cómoda. Os que podían a seguir vivindo do campo, coas vacas principalmente, i todos os demais deixar as leiras a monte e ir buscar traballo fora da aldea.
Menos mal que ainda queda o "couso"...