A historia de Agolada tivo, como a maioría dos territorios, os seus personaxes destacados no decorrer do tempo. Varios deles non traspasaron os vaivéns dos séculos e non conservamos memoria deles. Outros quixo a fortuna que permaneceran nos documentos e/ou na tradición oral.
Destes ultimos é Manuel Costa Varela, que nacera na parroquia de Ramil o 24 de agosto de 1774 e que faleceu en Ventosa o 10 de agosto de 1849. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e recibiuse de avogado na Real Audiencia de Galicia en xuño de 1808. Ao ano seguinte púxose á fronte dos paisanos da súa comarca para loitar contra os franceses, instruíunos á súa costa e con eles marchou contra as hostes invasoras acampadas en Melide: 3.400 infantes e dous escuadróns de cabalería, con varias pezas de artillería, aos que fixo fuxir e perseguiu ata Lugo. O mesmo fixo con outros corpos de tropa en terras de Arzúa e Sobrado. Seguiu de comandante de alarma na comarca ata 1814.
Foi procurador síndico das xuridicións de Ventosa e Borraxeiros e anos máis tarde participaría en diferentes accións á fronte dos realistas, e tivo que fuxir da súa casa para evitar que o deportasen a Canarias. En 1822, ás ordes do comandante Feás, volveu loitar a carón dos absolutistas. Co triunfo destes, Costa foi nomeado correxidor de Borraxeiros e da súa xurisdición e proposto para cargos nas audiencias de Galicia e Cataluña. No Arquivo Histórico Nacional gárdase unha “Relación de los méritos, grados y ejercicios literarios y servicios del licenciado Manuel Costa Varela”.
(Apunte tomado de “A comarca do Deza” de Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén). O primeiro dos debuxos recolle unha escena da Guerra da Independencia en Galicia, de Román Navarro e V. González (1893) e o segundo presenta un guerrilleiro galego durante a mesma guerra, pintado por M. Brocos (Álbum Galicia, 1908).
quizá Isidoro Brocos también sea de A Golada, parece que todos los brocos proceden de ahí.
ResponderEliminar