31 de xaneiro de 2008

AGOLADA SENTE O ABEIRO DO FARELO

Esta é unha das últimas fotos que obtiven do Farelo antes de que fose severamente danado pola construción dun parque eólico. A silueta de Agolada aparece recortada sobre o fondo pedroso da montaña mítica, que os romanos coñeceron como Monte Summio.
Un desnivel de case catrocentos metros separa a vila do cumio fareleiro. Agolada repousa durmida baixo a atenta mirada da montaña.
O nome á montaña vénlle da antiga ubicación de torres vixía ao longo do seu perfil. Eran faros na noite, para dar as alertas dos perigos e comunicar bisbarras e curutos. Far-elo é diminutivo de Faro, a montaña próxima nos veciños concellos de Rodeiro e Chantada, onde tamén habería postos de sinais luminosos.
A presenza do monte é maxestosa. É o emblema que nos identifica, o logotipo que marca unha identidade. Deu nome a unha empresa do concello, a unha charanga e falta por lle poñer o seu nome a unha rúa ou a unha praza (Tomen nota por se se lles ocorre o lugar axeitado). Foi coroado por unha capela na honra de San Silvestre, dela quedan os alicerces. Aparece no cancioneiro popular e no refraneiro. Só lle falta figurar na listaxe de espazos dignos de protección especial, sobre todo protección fronte aos aproveitados e aos desaprensivos.

7 comentarios:

  1. Aínda non entendo porqué deixan que se destrocen paisaxés tan fermosas, téñeno que coidar un pouquechiño mais a verdade

    ResponderEliminar
  2. Pois non sei se viches a noticia do xornal "La Voz de Galicia" sección Deza. Témome o peor.

    ResponderEliminar
  3. Claro que vin a noticia e xa ves que os veciños de Ventosa parecen ver antes os cartos que os perxuízos paisaxísticos. Cómpre formar e infromar á poboación de que a paisaxe tamén unha riqueza.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. E parece que foi onte cando se podía ver esa foto. Como pasa o tempo...

    En Antas chegaron a editarse dous números dun "folletín" denominado O Fareliño, que publicaba a Asociación Cultural "O Farelo" , que desenvolveu unha intensa actividade cultural aló polos anos 80 e 90.
    E como ben sabedes, tamén temos un bar que leva o nome do noso monte.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Parece que o destino dos nosos montes é acabar sendo o monte do Calvario coas súas cruces espetadas.

    ResponderEliminar
  6. ter a figura dunha montaña dende pequeno marca ¿eh?
    Na miña retina quedou espetada a silueta do pico sagro ao lonxe...

    ResponderEliminar
  7. Agora por todos os montes hai destes, xa se sabe de que po unha parte son beneficiosos, pero por outra xa enchen de velos.

    ResponderEliminar