2 de febreiro de 2008

CAMIÑO DE SANTIAGO

Hoxe, 2 de febreiro, é o día da Candeloria. Pola Candeloria metade do inverno vai fóra. Que neve, que deixe de nevar a metade do inverno está por pasar. O certo é que o día tivo un aspecto amigable desde a primeira luz, cun coitelo de frío cravado na pel.
Circunstancias mecánicas da miña montura de pedais leváronme a terras de Melide e aproveitei a ocasión para facer unha ruta circular que incluíu un anaco do Camiño de Santiago, que xa me era coñecido e de permanente e grata lembranza.
O resto do percorrido foi unha descuberta da que vos darei noticia en posteriores entradas. Hoxe prefiro renderlle o meu tributo a esta Vía Xacobea, Patrimonio da Humanidade, á beira da cal tiven a sorte de vivir sete anos consecutivos, en dous lugares diferentes.
Saberse neste itinerario, a pincipal vía de cultura de Europa desde os tempos de Aymerich Picaud, é un privilexio. En sete quilómetros de Camiño non atopei ningún peregrino que ousase desafiar os rigores de febreiro. Caso insólito. Iso permitiume determe nas paisaxes e nas aldeas con máis atención. Tiven momentos para marabillarme e outros para a desilusión, polos descoidos e por determinadas construcións que afean a enxebreza dun camiño que alberga tanta historia.
Leboreiro e Furelos son dúas aldeas de Melide dignas de moita atención e máis coidados ca os xa executados no pasado. Iso debería implicar a concienciación da poboación e unha financiación de apoio por parte das administracións para que eliminasen patoloxías arquitectónicas e se animasen nos labores de restauración dos edificios antigos.
O Camiño é un xardín, as árbores van tomando corpo e súmanlle densidade á paisaxe, alí onde non se ve alterada por naves industriais ou por paradigmas do feísmo.
Nas fotos xulgaredes algúns dos tramos que manteñen a dignidade impecable.

6 comentarios:

  1. detivenme en cada fotografía, para verlle ben cada cousiña, e só me faltaba respirar o ar frío. Pegáronme ganas de chorar, que me emocionei e todo.
    E tanto que eses anacos de camiño manteñen a dignidade impecable!, é como se foran hai mais de cen anos... a seguir con os balados e as nosas propias divisións no campo... A administración debería aportar axudas para conseguir manter, por o menos unha via coma esta, alonxada de construcións que non van coa armonía do entorno.

    ResponderEliminar
  2. mmm "armonía" leva h en galego ¿non si?. Xa que abrin outra vez o comentario, queríache preguntar se podo dispoñer dalgunha desas fotografías para ensinar por ahi, non terán copy right ou raios deses :-)

    ResponderEliminar
  3. Non coñezo os lugares que amosas nesas fotos que tanto emocionaron a Zeltia. Son ben agradables, certamente; e dende logo percíbense moi "nosas".
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Onte foi un día marabilloso para perderse por eses camiños carregados de historia, tradición e fermosura.
    Eu adiqueino a participar no entruido.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  5. Zeltia: Grazas polas túas emocións. Cada vez que poño fotos son para que vos marabilledes coa paisaxes e que dispoñades delas.
    Chousa: Estes lugares están moi fáciles de localizar, concretamente estas fotos corresponden ao tramo que hai entre Leboreiro e o Parque Industrial de Melide, un tramo de dous quilómetros que corre paralelo á estrada que une Melide e Palas de Rei.
    Paideleo: Un sábado de entroido e con bo tempo dá para moito. Sorprendeume a orixinalidade que tedes no Porriño co xogo das olas. Iso tamén é historia e tradición.
    Apertas para todos vós.

    ResponderEliminar
  6. Ben fermosas as fotos. Pasa tantas veces, eso de percorrer camiños nos que non reparas... ata que os ves retratados no blog do Busto.
    Apertas

    ResponderEliminar