28 de xaneiro de 2008

ANGAZANDO NA FOLLA

A chuvia de xaneiro foi unha ilusión, un espellismo nesta terra de sedes insaciables. Lembro ao negro Panchito de Castelao cando voltou á súa Cuba natal para confesarlle a un galego da súa aldea de adopción: “Eu non me afago nesta terra de tanto sol”. Eu tampouco nesta Galicia de canículas invernais. Nun deses días de sol primaveral extrapolado a xaneiro reparei nos tres homes que se afanaban no labor de angazar a folla do prado á beira do Rego da Fonte, en Quintela (Ventosa). E pensei que o que agora nos é cotián, o paso dos anos converterao en reliquia etnográfica. Agradézolles aos tres traballadores o esmero e coidado que puxeron no seu labor. A poda respectuosa dos ameneiros e a herba limpa de follas son detalles que os amantes das paisaxes estimamos tacitamente.

2 comentarios: