26 de xaneiro de 2008

CUÑOS E EX-LIBRIS

A última entrada publicada pola apreciada Débora Campos no seu blog Fíos Invisibles versa sobre o costume de marcar a propiedade dos libros. Para que teñades máis detalles, a ela vos remito.
Isto sérveme de pretexto para dicirlle do meu ex-libris, unha mala copia do que posuía o meu avó paterno.
Este era o cuño do meu avó Maximino. Reúne varios méritos el só. Ten máis de cen anos, é todo de madeira (non sabería dicir de qué árbore), estampa incluída. Encargárallo a un mozo que era pegureiro e servía de criado nunha casa da aldea. O tal mozo tiña moita habilidade coa navalla e este é o resultado do seu traballo.
Para estampar o selo hai que lle pór un pano groso debaixo ao papel ou ben outro material brando. Dese xeito conséguese unha mellor impresión.
O meu avó, labrego de profesión, sobriño de cregos, e manco da man dereita, traballou de mestre do ferrado en varias aldeas próximas a Carmoega (Brántega, Galegos, Toiriz, Órrea...) e tamén exerceu de escribán para redactar compravendas e partillas. Ao lle faltar a man valíase do cuño para autentificar os seus documentos. Na casa aínda conservamos del a súa escribanía de metal cos tinteiros de vidro e o cuarto onde traballaba coñecémolo como O Gabinete.
As escolas do ferrado eran escolas privadas que sostiñan os pais de familia pagando ós "mestres" en especie con un ou máis ferrados de millo, trigo, etc. O mestre soía desprazarse en cabalo de aldea en aldea e simultaneaba o ensino en varias parroquias á vez. Isto ocurría a finais do século XIX e principios do XX ata a época da segunda República.

5 comentarios:

  1. É ben bonito todo tallado, facedes moi ben en gardalo como xoia familiar.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Certamente é unha peza singular o cuño do teu avó. E xa vexo que tentaches copiarlle o deseño. A ver se acaba por saltar á heráldica do apelido Busto o tinteiro enriba dun libro coas duas plumas.
    Dos mestres do ferrado segue a ser utilizada unha expresión que di "seica foches á escola do ferrado"; no senso de que se aprendía máis que nas públicas.

    Graciñas por compartir esta historia. Un saúdo

    ResponderEliminar
  3. A posibilidade dunha rede de referencias. A construcción dunha historia colectiva, feita de lazos que se conectan uns cos outros. Un vieiro que se traza enlazando anacos percorridos por cada quen. Iso é o mais atrainte que ten o blogomillo, na miña opinión. Este artigo teu e a maneira na que completa e mellora a historia que deixei na páxina, é un agasallo que moito che agradezo.

    ResponderEliminar
  4. Moi interesante esta entrada do teu blog, doume ganas de facerme un cuño persoal para marcar libros e traballos que vou realizando na universidade, graciñas

    ResponderEliminar
  5. Mui fermosa a historia do cuño do avó e o pastor era un artista coa navalla, eh ?.
    Ao lado da historia deste cuño a historia do meu queda pequena.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar