25 de xaneiro de 2008

O CAMIÓN DO FAUSTO

Fausto é da casa do Caldeireiro, da familia dos pioneiros de Agolada. Un antepasado seu fundara en Agolada, na encrucillada dos camiños, unha fábrica de caldeiros. De aí lle vén o nome á casa. Esta familia foi prosperando e abrindo novos campos de negocio: taberna, arrieiría, transporte fixo a Asturias para acarrear o ferro e o cobre que eran mester para os caldeiros, transporte de mercadorías de Agolada a Curtis, carromato de transporte de viaxeiros e coa fundación da terceira casa á beira da estrada N-640 dedicáronse tamén á panadería, carnicería, casa de comidas, etc.
Fausto foi o continuador da actividade dedicada aos transportes. Con este vello camión PEGASO dedicouse ata o seu retiro a percorrer España levando e traendo mercadorías diversas. E amosando orgulloso o nome de Agolada, que campa na viseira do parabrisas.
O camión tiña unha fisionomía moi particular: o parabrisas partido, as bandas horizontais da cabina. No inverno gastaba bufanda de lona para evitar catarreiras e no verán abría as ventás de par en par para deloirar radiadores e motores.
Fausto foi un condutor repousado, sen présas, que guiou polas estradas serpenteantes de principios dos sesenta, con paciencia bíblica para non fatigar en demasía aos vellos cabalos rampantes da Pegaso. Cada quincena, e ás veces semanalmente repousaba en Agolada, no dique seco. Entón Fausto mudaba de oficio para se converter en mecánico do seu propio vehículo. Coa mesma santa parsimonia ía afrouxando parafusos, extraendo pezas, limpando radiadores, aplicando bálsamos e ungüentos que lle prolongasen a vida ao camión da súa devoción. Tamén foi pintor esmerado do mesmo e calquera rabuñadura era obxecto do pincel milagreiro.
Naqueles 60, Fausto tiña moza preto de Agolada e algunhas veces organizou un coro de mozos amigos para lle ir cantar a serenata á que logo sería a súa dona. El dirixíaos nos ensaios e na actuación, tomada sempre con moita seriedade. Para iren ata a aldea da súa moza ían no camión, uns na cabina e outros no remolque (foi naqueles tempos nos que iso non supoñía ningún disparate). Era o único vehículo que posuía. Aló nas primeiras horas da madrugada retornaban a Agolada e Fausto ía repartindo aos amigos cantores co seu camión coma se dun autobús de liña se tratase, cada un diante da súa casa.
No ano 1975, Fidel Torreiro fíxonos esta foto, con que ilustro este artigo,  a Suso Chorén, a Luís García e a min diante do xa vetusto camión. Semellábanos unha peza museística e escollemos este fondo, na praza, coa casa da Parda á esquerda, os Pendellos que asoman no último plano e o carballo que aínda sobrevive hoxe diante da casa do Concello; coma unha homenaxe a aquel vello camión, estampa omnipresente na nosa infancia e xuventude.
Fausto, na actualidade retirado e viúvo, foi/é unha das miñas fontes orais para reconstruír a historia de Agolada. El sempre gustara de escoitar de labios do seu avó a historia da familia e da vila. O seu testemuño, contrastado con outras fontes, foime de vital importancia. Desexo darlle as grazas aquí publicamente traendo á actualidade a memoria do seu compañeiro de aventuras e fatigas.
POST SCRIPTUM
Non deixa de ser un dato curioso e relevante que o actual Secretario General da Asociación Gallega de Transportes de Mercancías (FEGATRAMER) sexa tamén un aqualatense, descendente desta saga de transportistas dos Caldeireiro  e parente directo de Fausto.

3 comentarios:

  1. Unha homenaxe ben bonita, sí señor.Ao propio Fausto, ó seu Pegaso e tamén Agolada.
    Supoño que o carballo que se ve ó ladiño é o que hoxe soporta ás veces algunha cartelería.
    A foto, tes razón, pode valer xa para un museo. Os anos van pasando...jajaja

    ResponderEliminar
  2. Pois o Fausto debeu de quedar contente co esta homenaxe tan sentida.
    Muitas veces penso o que nos dirían os obxectos que comparten a nosa vida se puidesen falar...O camión do Fausto tería un repertorio enorme de historias.

    ResponderEliminar