Nunha das vitrinas do Museo de Pontevedra, compartindo protagonismo co gran tesouro de Caldas de Reis, encóntranse estas xoias áureas da foto: dous brazaletes e un colarín. O conxunto denomínase o Tesouro de Agolada. A documentación existente afirma que foi encontrado nunha mámoa do Campo de Xastre (a medio camiño entre a vila de Agolada e Ferreiroa). A mámoa foi arrasada e do túmulo non queda máis que o lugar que moitos saben sinalar con precisión (na foto pequena estaría no curutiño onde hai un poste do tendido eléctrico).
O achado sitúase arredor de 1920. Neses anos estaban a executarse as obras de construción da estrada entre Lalín e O Marco (no límite provincial con Lugo). Dise do construtor da estrada, o Sr. Cachafeiro, que ordenaba aos seus obreiros expoliar as mámoas que encontraba na inmediacións da estrada. E hoxe pódese constatar que todas as que quedan presentan cráter de violación. Esta mámoa de Campo de Xastre encontrábase a 800 metros da devandita estrada. A procedencia do tesouro aínda non está o suficientemente clara. Hai voces que afirman que este tesouro apareceu no castro de Goiás (Lalín), tamén preto da citada estrada, e que se pretendeu distraer a atención cara unha mámoa de Agolada para non invitar aos buscadores furtivos de tesouros a escavar no recinto castrexo.
Este tesouro está composto por un conxunto de xoias, datadas probablemente no Bronce inicial ou Bronce Antigo (1700-1600 a.C.) e crese que formaban parte dun enxoval funerario.
O conxunto ten varios paralelos en Galicia, pero fóra de Galicia só se teñen atopado obxectos semellantes na Bretaña francesa, feito que é interpretado como unha testemuña das relacións atlánticas entre os poboadores do territorio galego e os da Bretaña francesa nos inicios da Idade do Bronce, sendo tamén interpretados como a expresión dunha sociedade xerarquizada.
O colar é unha delgada lámina rectangular con estreitamentos cara aos extremos. Mide 40 cm de lonxitude e 7,6 de ancho no centro onde alcanza a maior anchura e se decora con dezaoito cortes horizontais resultando dezanove canas limitadas por outras tres canas verticais feitas con buril. Nos extremos presenta pestanas dobradas para o seu enganche.
Os brazaletes son subcilíndricos, macizos, con forma de curva elíptica, lisos e abertos, que rematan en dous botóns planos. O seu diámentro máximo é de 9 cm e pesan entre 300 e 400 gramos.
Entre a bibliografía que versa sobre este achado, destaca:
LÓPEZ CUEVILLAS, FLORENTINO ''El tesoro de Golada''. El Museo de Pontevedra (tomo 1, pp57-60).
Que chulada. Bicos. Dille a Angel Utrera, que eu acepto a iso de ir tocar a zanfona.
ResponderEliminarNo Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid, tambén hai pezas da Golada. Alí hai tres vitrinas de torques, non recordo que haia ninguha de Ourense pero sí das outras tres provincias
ResponderEliminar