A historia das vilas pequenas e das aldeas quedan tatuadas polas vidas dalgunhas persoas que posúen o don da singularidade, unha personalidade diferente, ás veces estrafalaria. Pedro do Toco era, segundo me contaron, pois eu non o coñecín; desa clase antes citada. Pequeno de estatura e de ambicións, inxenuo e boa persoa. Gustaba do alcohol e axiña perdía o sentido, como tamén perdeu no xogo da baralla boa parte da súa herdanza. A súa estampa apoiábase nos alicerces duns enormes zocos e acubillaba a testa baixo a pucha ben calada.
Moitos anos da súa vida empregounos en alugar a súa xugada de vacas e o seu carro. Ía de casa en casa facendo carretos de eixe cantador que acompañaba co seu asubío ledo e a vara de aguillada sempre ao ombro.
Antes de comezar o traballo matutino, co carro apostado diante da casa na que ía traballar, agardaba calado polo "combustible" que poñía aquel transporte en marcha. Sen o chupinazo de augardente nin Pedro, nin o carro, nin as vacas escomezaban a xornada.
Rescatei esta foto no taboleiro do bar da Fina, moi deteriorada e borrosa. Deille algún retoque e restaureina ata onde puiden (onde non había era difícil sacar). Con ela construímos unha parte da intrahistoria de Agolada.
Pedro do Toco, tivera dous fillos: Clemente e Filomena (Xosefa). Clemente casou e morreu sen fillos. Xosefa nunca chegou a casar e morreu hai algúns anos. Con eles extinguiuse a familia. Quédanos a memoria e desde esta páxina poñémolos de actualidade e facémolos viaxar pola Internet. Iso nunca chegou a soñalo Pedro do Toco: que o seu carro viaxase polas corredoiras do mundo moitos anos despois de ter feito esta foto e a distancias moi superiores ás que lle eran habituais.
A foto pertence ao arquivo de Xosé Sieiro Santas, de quen sentimos o seu recente pasamento.
Pois vese un carro ben cargado, cos ladrairos izados. De seguro que lle chiaban as troitoiras.
ResponderEliminarAgora, por mediación tua, o carro de Pedro do Toco brinca dende as corredoiras de Agolada ás autopistas da tecnoloxía da información. Se llo contasen a él e máis ao "retratista" que tomou esa imaxe...
Sirva a túa mención a Pedro do Toco como unha homenaxe a todos eses bos homes que conformaron a vida das nosas vilas e aldeas.
ResponderEliminarUn son que se perdeu, e que boto moito en falta, é o dos eixos dos carros, cada un coa súa canción.
(Alégrome que o pinzamento vaia mellor. Quedas ofrecido a pasala pedra dos cadrís na Virxe da Barca).
Non coñecía eu a historia esta, si que tes razón co que nin sequera se podía imaxinar que o seu carro ía viaxar tan lonxe, vantaxes de Internet. Que ben vai a xuntanza, haber se rematades de programar todo que xa teño ganas de que chegue. saúdos.
ResponderEliminarDa gusto ler historias así que nos levan a outras épocas, a outro mundo que pouco a pouco foi desapareacendo.
ResponderEliminarGrazas por lembrarnos de onde vimos.
o cantar dos carros aínda se escoita nos camiños, é a vento que percorre as autopistas da libertade.
ResponderEliminarmenudas historias que nos contas, busto, non che coñecía eu tal pero está moi ben.
ResponderEliminarA imaxe ata semella unha ilustración de Castelao.
ResponderEliminarPedro do Toco e as súas vaca ( ou bois ? ) deben de estar contentos mirando esta imaxe pola arañeira virtual.
Nós tamén temos algunha historia para rescatar do esquecemento. Esta é ben curiosa.
ResponderEliminaré xenial, darlle vida as estas historias, facelas navegar polr estes riós dixitais,
ResponderEliminarquen sabe ata onde poden chegar estas historias de homes e mullers que sachan a historia das vilas e as aldeas.
máis dunha coincidencia provocan estas historias, e máis de unha provocara esta de seguro.
quen sabe ó mellor no brasil, ou no xapón alguen coñece a pedro de toco!
un saúdo e u ha vez máis, vivan as coincidencias!
A min contáronme historias como esta. Son fabulosas. Bicos.
ResponderEliminarAmigo Busto;
ResponderEliminargustoume o teu conto, e tamén que haxa quen se lembre dos esquecidos, dos que nunca tiveron medallas nin condecoracións.
Fermoso texto e fermosa lembranza.
Apertas
Como sancristán do "Aquam Latam", hoxe 12 de abril, festividade de S. Xulio, é a miña obriga felicitar ao meu abade e ao seu irmán xemelgo. Queda anotado un licor café á miña conta.
ResponderEliminarUnha aperta.
si, manolo, arestora o do blog anda medio perdido. ás veces actualizo, pero hai outros mundos que me reclaman e aos que lles fago un lugar. non é que este non o mereza, que si, pero ando todo o día nunha roda viva de muíño, traballando pola mañá, cantando, saltando e bailando pola tarde, por mor da sabela e tamén me apuntei a un taller literario por aquí, obrigándome a tecer textos e tamén a coñecer persoas que teñen esta inquedanza similar.
ResponderEliminarpor certo, con ou sen xuntanza, estou segura de que algún día poderemos falar en persoa, galicia está a un milímetro en avión, e eu, nas oportunidades voo ao curruncho da casa.
unha aperta
bea (toxomar)