25 de maio de 2008

MAÑÁ DE MAIO NO SOBREIRAL DO ARNEGO


É difícil encontrar un bosque con tanta biodiversidade en decenas de quilómetros á redonda. O Sobreiral, espazo protexido
na Rede Natura 2000, goza tamén agora do amparo da Comunidade Europea baixo a denominación LIC (Lugar de interese comunitario).
Ás calidades naturais pódesenlle sumar tamén as etnográficas e industriais. Varios muíños e tostas e o aproveitamento da cortiza así o testemuñan. Hoxe o Arnego baixaba bravo e ruidoso e o balbordo da auga inundaba a mesta fraga.
Os camiños que percorren este bosque soen ter ancho de carro, mais tamén é recomendable achegarse aos carreiros dos pescadores para gozar das paisaxes que se miran no vidro do Arnego.
O Sobreiral é un bosque mixto, con preponderancia de carballos e sobreiras. Un rico sotobosque tapiza as sombras. Nel destacan os fentos, xaras, abrótegas, xibardeiras, trobiscos e érvedos.
A sobreira medra no val de Carmoega e en toda a ribeira do Arnego e do Ulla, favorecida por un clima que recibe os ventos cálidos e húmedos do Atlántico que soben pola cunca do Ulla desde a Ría de Arousa. En Carmoega as sobreiras forman un bosque que sobreviviu á acción humana e aos incendios e aínda presentan unha masa densa de vexetación.
As abundantes chuvias da primavera fixeron medrar as matogueiras, mais os camiños aíndan están practicables.
Dúas sobreiras tronzadas atrancan o camiño en dous puntos, pero non impiden o paso mais que aos temibles quads.
O vindeiro 31 estaremos alí cos blogueiros que acoden a Agolada nunha ruta de sendeirismo de 4 quilómetros de fácil percorrido. Esta mañá andamos a limpar algunhas zonas onde a herba, as silvas, os fentos e os toxos querían asomar por riba do aconsellable.
Camiño de entrada ou saída, segundo se mire. Chega ata A Devesa (Carmoega). Nesta zona está
perfecto.
Aquí deixamos o bosque que rega o Arnego e que outea o falcón peregrino.

13 comentarios:

  1. Pois si que é bonito o lugar. Polo menos as fotos, paréceno. Bicos.

    ResponderEliminar
  2. Xa quedei prendado do lugar. Ogallá que veña bo día o sábado.

    ResponderEliminar
  3. Pois si fai mal día o sábado polo menos quedan estas fotos de mostra.
    É un lugar ben fermoso.

    ResponderEliminar
  4. E unha zona ben fermosa, apetece perderse nela e disfrutala de vagar.

    ResponderEliminar
  5. Vaia sitio tan fermoso, sinto non poder coñecelo de momento, porque o día 31 non podo asistir á xuntanza, mágoa.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  6. Polo que vexo Busto, a todo o mundo lle está gustando o sitio, oxálá o coñeceran na realidade aínda lles había gustar máis. Un Saúdo

    ResponderEliminar
  7. Fermoso sitio, fermosas fotos...

    E pensar que hai xente á que non lle importaría metelo debaixo dun encoro!

    ResponderEliminar
  8. ¡Menudas fotos! Qué envexa sá a deses paisaxes!!

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  9. "Se sodes sentimentais comprenderedes a miña emoción porque a vila natal non é coma todas as vilas" (Castelao)

    i eu tou tan de acordo, eso é o mundo, xusto íso, a emoción de ser dun lugar especial"

    Estou sejura que o sábado será un bo día, para que esa vila túa gañé moitos fillos!

    ResponderEliminar
  10. Aparte de ser un lugar ben fermoso, polo que vexo nas fotos, está a súa singularidade, porque hai poucos bosques de sobreiras en Galicia ademais deste, así que imos estar nun lugar único :-)

    ResponderEliminar
  11. A ver se chega rapido o veran, porque é un dos sitios da miña comarca no que quero facer sendeirismo...

    ResponderEliminar
  12. Estimado Manuel:

    Gracias por enredarme no tecido dos blogs amigos. A experiencia como ves está a divulgarse ben en internete.

    http://www.vieiros.com/nova/66941/agolada-converteuse-no-centro-do-blogomillo

    ¡Qué forza ten esto dos blogs!

    Ten que repetirse outro encontro. Non estaría mal que as próximas xuntanzas fóranse facendo da man de asociacións como a vosa: así que a vez que os blogueiros fan unha festa sácase á luz a recuperación do patrimonio noso.

    Eu estou por propoñer algo, se non fora que xa escoitei non sei que de Melide.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar