2 de maio de 2008

VILANOVA DOS INFANTES

Rapazas de Vilanova,
ben vos podedes gabar;
que non hai Virxe no mundo
como a VIRXE DO CRISTAL.
(Cantar do pobo)



Preto da cidade de Ourense,
camiño de Celanova,
onde é máis tépedo o vento
que a terra galega azouta,
dun círculo de montañas
na aba, sempre verdosa,
esténdese un val florido,
cuberto de herbas cheirosas,
piñeirais e arboredas
ricas de froitas e sombra.
Alí, pola primavera,
despois de saír da escola,
van os rapaces buscar
freixós para comer e apóutigas;
e as nenas, máis delicadas,
e non como eles golosas,
atopan alí os caraveis
con que os cabelos adornan,
e fan, con espriego e néveda,
ramiños que logo esfollan.

Deste val no medio e medio,
entre edras e musgo envoltas,
ergue as torres un castelo,
feito alá en eras remotas
de pedra de sillería,
caseque co tempo roxa.
Como este antigo edificio
outro non hai, segundo contan,
pois din que foi levantado
por unha princesa moura
dende a posta do sol
ata a saída da aurora;
e inda hai vellos que aseguran,
e poida que certo fora,
que debaixo dos cementos
que os altos muros soportan,
deixou a moura princesa
para que quen se atreva, morra,
sobre unha trabe en equilibrio
dúas cántaras que asombran:
unha de alquitrán enchida
e outra de moedas e xoias.
De sorte que quen quixere
coller a que ouro atesoura,
creba unha cántara e morre,
feito carbón, baixo a outra,
quedándose ao mesmo tempo
sen o santo e a limosna.

A carón deste castelo,
agarimadiñas todas,
ou pola veiga ceibadas,
como bandada de pombas,
as retelladas troneiras
abertas ao sol que as doura,
encóntranse as brancas casas
da vila de Vilanova.
Vilanova dos Infantes
é vila de grande sona:
non hai zapateiros no mundo
que batan mellor a sola;
non se cocen en ningures
petadas que aquí non cozan,
e de aquí saen para os teares
as mellores mazarocas.
Aquí está a graza dos homes
e a flor e a nata das mozas;
en fin, sólo aquí naceron,
sólo aquí, Martiño e Rosa.

(M. Curros Enríquez, A VIRXE DO CRISTAL)

O pasado mércores andei por estas amadas terras ourensás na procura da lírica dos meus admirados poetas Curros e Celso Emilio. Martiño e Rosa aínda perviven na torre que tan ben explica Eva, a encargada. E lembrei ao Celso Emilio que se autoxustificaba por non lle cantar a Vilanova onde tivera un namoro que o deixou por outro.
¡Que grande sorte a dunha vila, matria de Ferrín, cantada e exaltada por tantos poetas egrexios!

O tesouro que supón ser, repetidamente, dunha terra e dun lugar como dicía o poeta, e manifestalo unha e outra vez nas propostas escritas, converteu a Celanova e as súas terras nun dos santuarios laicos e literarios de Galicia. Ese capital, por veces intanxible pero intenso e perenne no tempo, que é ser o berce de numerosas figuras literarias de onte e de hoxe (Curros, Celso Emilio, Castor Elices, Méndez Brandón, Ferrín, Baldo Ramos, Paulino Vázquez...), e valoralo na súa xusta dimensión, é o que conduciu con bo tino á Fundación Curros Enríquez á publicación da Guía literaria de Celanova; un volume editado con requintamento, que inclúe un abondoso material de carácter documental e fotográfico... (Ramón Nicolás, A Voz de Galicia, 3 de maio de 2008).

4 comentarios:

  1. cantos lugares tan bellos de Galicia temos sen descubrir. Bueno só é cuestión de poñerse un día, e alá... de paseo. Un Saúdo Busto.
    www.asbeirasdoarnego.blogspot.com

    ResponderEliminar
  2. Que ben quedaron as fotos. A verdade e que pasámolo xenial. Ahhh podería coller a foto da Virxe do Cristal. Bicos.

    ResponderEliminar
  3. Moi interesante contribución, recibimos o seu correo, ten razón citaremos Aquam Latam na cuestión dos Pendellos, pois haille que recoñecer a este blog grande parte do éxito na recuperación desta forma de arquitectura popular, saúdos e grazas polo seu constante traballo por fornecer a rede.

    ResponderEliminar
  4. Coñezo a quen "perpetrou" a restauración da torre de Vilanova. Fixo o que lle mandaron,que o proxecto era de quen era, pero a verdade é que eses materiais tan modernos na cima rompen un pouco o conxunto.
    Creo que a filosofía é que "o vello que sexa vello, e se non ó é que se note".
    Saúdos

    ResponderEliminar