3 de xullo de 2008

LABREGOS E GALLETAS

O mes de xullo é mes de seitura. Os labregos afánanse colectivamente para almacenar a herba seca namentres o centeo e o trigo douran nas leiras que miran ao mediodía. Equipados con cadansúa galleta (forquilla lle din noutras zonas). Acabado o traballo, apareceu Ton von Vliet, naquel verán de 1978 en Santa Mariña (Antas de Ulla). Foi ocasión propicia para a fachenda polo labor rematado e pousar o chapeu no cabo do mango da galleta. Naquel ano, no agro ulloán e agoladés bulían centos de labregos. A actualidade é só a constancia do dramático abandono, da soedade que galopa ameazando aldeas e campos. As imaxes de Ton van Vliet servirannos para alimentar a nostalxia dos tempos idos.
P.D. Acabo de recibir un correo do compañeiro e amigo Xosé Manuel García aportándome novos datos sobre a fotografía e si lle quero confirmar que Ton van Vliet andou por terras de Antas de Ulla, Rodeiro e Lalín ademais de Agolada.
Ola Manolo! Logo de estar ausente por uns días, desconectado totalmente mesmo da internet, volvemos a retomar o día a día (iso si, sen traballo). Leo de novo con agrado as túas palabras e observo detidamente as fotos que colgas. E vexo, primeiro con certa sorpresa e logo xa coa certeza que me permite a memoria da miña infancia en Santa Mariña que a entrada e foto que titulas LABREGOS E GALLETAS non se corresponde con paisanos de Vilariño senón cos meus veciños de Santa Mariña. Quixen confirmalo con miña nai e algún máis, e así foi. O señor que aparece en primeiro plano é Pepe de Celia; ao fondo, xa desenfocados o Seixas e a súa muller María do Campo. Sen dúbidas. Pepe e María xa non están con nós, pero Seixas aínda loce os seus noventa e poucos. Pepe de Celia, home afable e alegre, tiña unha das tres cantinas-tendas que había en Santa Mariña; era costume seu, cando atopaba alguén con quen botar unha parrafada, sacar o sombreiro e colgalo da vara que levaba (ou do apeiro, como na foto) e logo pasar a man polo cabelo. E algo así debeu facer diante do fotógrafo. Todo isto contoumo miña nai, aínda que eu xa desde o primeiro momento identifiquei claramente aos tres. Lembro as súa caras nitidamente; parte da miña nenez paseina en Santa Mariña e quedáronme gravadas moitas caras e vivencias desta singular aldea. Así que paréceme que Ton van Vliet tamén andou por aquí; é posible que teñas, logo, algunha instantánea máis da miña terra. Xa falaremos. Saúdos e goza cos teus das vacacións. E que Lourenzo se quede uns días por aquí.

5 comentarios:

  1. Creo que teño algo escrito sobre este tempo de sega en algunha carpeta, así que igual che copio o tema :-)
    Na miña aldea chamámoslles forquitas, na do meu home, onde vivo, chámanlles ganchas, pero eu sempre discuto con el que as ganchas son as que teñen os dentes dobrados ;-)

    ResponderEliminar
  2. Tamén por Arbo lle chaman forquitas.
    O arquivo fotográfico dese home non deixa de marabillarme. Imaxina o que faría se tivese unha cámara dixital naqueles tempos.

    ResponderEliminar
  3. Uf o título, pensei que se refería as galletas de comer!. Bicos.

    ResponderEliminar
  4. Nas roupas, nas mans e na faciana do home en primeiro termo, pode percibirse a dureza do traballo (uf, andar na herba era unha das tarefas máis jodidas). Así e todo o home de Vilariño mesmamente semella que está presentando armas coa sua galleta con mango de xesta.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  5. miro para esa xente, e despois da nostalxia que xenera, póñome práctica e comprendo que era unha vida moi dura. Máis pregúntome se non se podería armonizar os adiantos tecnolóxicos cunha maneira de vivir tradicional, e sobre todo máis acorde coa natureza.
    Agora, coa política e o FMI marcando as directrices da nosa vida, da nosa morte, do noso sentido da vida.

    Por onde eu nacín tamén lle chamamos galletas.
    (Aquí na coruña non lle chamarán nada) :)

    ResponderEliminar