9 de agosto de 2008

MUÍÑO DA DEVESA (CARMOEGA)

Carmoega contaba no pasado con seis muíños. Un deles eu lémbroo xa ruinoso e desapareceu por completo despois da concentración parcelaria. Era o muíño do Regueiro, do que xa falei noutra ocasión e do que se conservan os canos cúbicos con sección cilíndrica, formando parte do valado dunha finca. Era o único muíño movido pola auga da fonte do Rodo que nace trescentos metros máis arriba de onde estaba o muíño.
Na actualidade quedan os outro cinco muíños, un deles só conserva os alicerces das paredes e a única moa que tiña.
A carón deste está o da foto, o muíño da Devesa, que contou con tres rodicios e outras tantas moas.
A través da fiestra óllase o andar do río Arnego polo lugar coñecido como As Aceñas.


Estas construcións van perecendo ao compás da súa perda de función. Hai xa bastantes anos que ninguén vai moer a eles.
Se queremos volver velos en pé hailles que buscar unha nova función: pode rehabilitarse como vivenda, como merendeiro, museo etnográfico, refuxio para os pescadores, establecemento hosteleiro...
O burro, as moas e a roda metálica dun dos rodicios.
Túnel de acceso a dous rodicios. Causa admiración a cantería de esquistos case intacta, puída polos cachóns que rompían nos rodicios.

2 comentarios:

  1. Os muiños foron a cabeza visible da industria no noso país durante anos. Recuperalos non somente é unha obriga moral da nosa xeneración; tamén é unha asignatura pendente co noso pasado recente.

    Moi boas i elocuentes fotos.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. A min os muíños sempre me gustaron, e ademais pensar na xente que os utilizaba. Moi boas fotos. Bicos.

    ResponderEliminar