11 de agosto de 2008

MINI E MERO. A QUENLLA.

Onte en Chantada Mini e Mero xunto aos demais compoñentes de A Quenlla recibiron o loureiro das homenaxes que os pobos en xustiza deben tributar aos seus heroes e a aos seus símbolos. E eles sono.
Circunstancias houbo que me impediron estar alí a carón dos amigos, como sería o meu deber e o meu gusto. Eles foron os meus ídolos musicais desde o primeiro ano na universidade, cando eran alma e corazón en Fuxan os Ventos arredor da muralla lucense onde os coñecín.
Polos momentos extraordinarios compartidos, pola súa entrega desinteresada a tantas causas, polo seu compromiso con Galicia e o galego, polo apoio á nosa reivindicación para os Pendellos, por figurar desde as orixes na Lista de Honra de Amigos dos Pendellos, por seren persoas carismáticas e próximas, abnegadas e afectuosas; quero deixarlles testemuño (xa que non o puiden facer onte) da miña admiración, obriga e amizade.
Para eles longa vida e recoñecemento a tantos anos de loita e de traballo nos campos da música, da investigación e do ensino.
Outra grande aperta, amigos.
A primeira imaxe corresponde a actuación de Mini e Mero no I Encontro nos Pendellos, na festa Irmandiña cos representantes do galego exterior. A segunda fotografía é do III Encontro, na xornada que homenaxeamos a D. Avelino Pousa Antelo. Na noitiña a praza da Randulfa vestiuse coa mornura das voces entregadas de A Quenlla.

1 comentario:

  1. Loureiro ben merecido.Envío dende a tua bitácora os meus respetos e saúdos para eles (que sempre que os vexo lles lembro o seu paso polo Colexio de Antas cando eran "mestres recén estrenadiños".

    ResponderEliminar