2 de agosto de 2008

VISITA DOS AVOGADOS PONTEVEDRESES A AGOLADA

Por "dereito" propio a data do 19 de xullo de 2008 fica na memoria das visitas que de cando en vez teñen a deferencia de pousar os ollos no noso patrimonio. Varios membros do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra capitaneados polo seu decano Eloi Artime Cot pasaron revista ao Sobreiral e aos Pendellos de Agolada.
Baixo un sol de "xustiza" e na mellor camaradería transcorreu a mañá polas ribeiras do Arnego, desde o mirador de As Piniceiras, Quián, as Aceas, a tosta da Devesa e os muíños de maquía. Trobiscos, érvedos, xaras, xilbardeiras, abrótegas... forman un rico sotobosque que tapiza a Zarra da Pena, gobernada por sobreiras e carballos.

Aquí aínda hai homes que desvisten as sobreiras
e esfolan as maus no corredor das moitas noites
que non cesan de cadrar a mentira e a espera...
(Xosé Vázquez Pintor)


Nunca antes os Pendellos gozaran de tantos avogados defensores nin de mellores valedores de cara a súa completa recuperación. Fixeron promesa de volver para cando a súa restauración sexa unha realidade.

Debo expresar unha lembranza agarimosa para o amigo Julio B. López Regueiro que neste día deixou selado un pacto moi íntimo con esta terra que lle impediu completar a xornada.

1 comentario:

  1. Estaba preocupado por vos, metidos no medio de tanto letrado alá polas silveiras...
    O teu último párrafo déixame cargado de curiosidade. A ver que raio de íntimo pacto faría Julio para ter que ausentarse. Faríase a tonsura acaso?

    (Tanto meterme cos avogados ainda me vai costar un disgusto...

    ResponderEliminar