1 de agosto de 2008

NUBEIROS DO CREPÚSCULO

Tornar aos eidos matrios despois de varios días ubicado na beiramar das mareas co seu vaivén misterioso, precisa dun momento de reflexión para retomar o pulso animado de acotío. Volvo á tarefa sempre ilusionante de escribir nesta bitácora as miñas miudezas, que concibo exentas de trascendencia pero vitais desde o sentimento de saber que son recibidas coa vosa indulxencia habitual e que ao compartilas axudamos a construír un territorio virtual e real arredor desta Terra do Medio, gándara laxeira que nos acolle no mencer e no crepúsculo.
Nese andar errático polo mundo exiguo que percorro déixovos dúas imaxes que recollen os nubeiros de verán que pousan sobre os lombos de As Trabancas (na foto superior), con ourilocentes brillos e os que descansan sobre a ría de Betanzos con Gandarío e Sada como testemuñas. Así son os veráns desta Galicia que amamos, un ir e vir de marea nas canículas e nos días frescos que fan os veráns soportables e levadeiros.

4 comentarios:

  1. ALEGROME DE QUE RETOMARA A TAREFA DO BLOG.
    UN SAÚDO.

    ResponderEliminar
  2. i eu, que xa andaba un chico perdida na rede e sen rumbo, sen saber onde recalar, con tanto blo de vacaciós. A espera estaba de ti, e ando todavia as voltas esperando a que regrese cuspe de pita, ou dágolada...bueno ides chegando.

    Un saudo desde este vran neboeiro!

    ResponderEliminar
  3. as imaxes son bálsamo para os ollos.
    eu estiven uns días por cangas e procurei a forza da terra en cada rego para traer un cachiño de sempre sempre comigo.

    ResponderEliminar