22 de outubro de 2008

821. O XERENTE DE TURGALICIA VISITA OS PENDELLOS

Nos tempos que corremos, aquilo do que non se fala non existe. Esa é unha realidade que comprobamos a diario ao ver como unha nova noticia deixa no esquecemento o que onte estivo de candente actualidade. Os medios de comunicación xogan, polo tanto, un papel determinante na permanencia e vixencia dos diferentes asuntos e noticias.
Os Pendellos e a loita que un día iniciara a Asociación de Amigos deste antigo mercado necesitan desa vixencia e permanente presenza nos medios para manter viva a chama da reivindicación. Ata o momento actual pouco se conseguíu: a titularidade pública de preto dunha cincuentena de construcións e un montón de promesas que non acaban de materializarse porque a Administración máis que lenta é aburrida e desilusionante.
Pois, desde esta humilde páxina que sae ao mundo e pousa en catro recantiños, volvemos a erguer a bandeira deste espazo BIC e damos coñecemento da visita que hai dous anos e pico, o 12 de agosto de 2006, realizara aos Pendellos o xerente de Turgalicia, D. Xesús Pereira López. Turgalicia é un organismo dependente da Consellería de Industria, Innovación e Turismo. Naquela data celebrábase a Mostra de Artesanía e era día de feira. Xesús Pereira, natural de Santiso (A Coruña), terra veciña de Agolada, coñecíanos ben pero quixo estar presente, saber de nós e estudar as potencialidades turísticas dos Pendellos. Tamén tivo ocasión de conversar cos artesáns telleiros de O Rosal e de probar un vello trombón de varas.
(Notaredes que levo un tempo con menos dedicación ao blog. Ocupacións profesionais e os virus que lle afectaron ao ordenador teñen boa parte da culpa).

2 comentarios:

  1. Neste mundo todo vai a demasiada velocidade e mudan as novidades como ben dis.
    Terá que acontecer algo verdadeiramente asombroso nos pendellos para que se volva falar deles.
    Tampouco podes desesperar que xa fixeches máis por eles que muita xente.
    Espero que as obrigas e os virus che deixen máis tempo para escribir. Isto dígoo por puro egoísmo xa que desfruto lendo o que escribes.

    ResponderEliminar
  2. cóidadevos moito, tanto ti coma o cachiño de tecnoloxía que nos permite esta xaneliña ao mundo.
    e en canto ao tema do tempo, xa sabes, é recorrente. ¿cantas veces non desexamos días de 48 horas?
    non queda outra que establecer prioridades.
    unha aperta dende toxomar

    ResponderEliminar