6 de novembro de 2008

BALDOMERO DA COSTA

Baldomero da Costa é un deses personaxes entrañables que habitaron a patria da miña infancia. Nacera na Costa (Ferreiroa) e sendo aínda un cativo caera no lume mentres durmía nun rolo agarimado na lareira. As queimaduras deixáronlle a pel do abdome e pernas mirrada e limitados os movementos das extremidades inferiores. Fose postural ou a consecuencia da caída presentaba nas costas unha especie de xiba que abundaba nas eivas daquel corpo exiguo e maltratado polas adversidades.
Aquel físico limitado víase compensado pola afabilidade e optimismo que derramaba no seu redor. Era falangueiro e mañoso e gañaba a vida compoñendo paraugas, botándolle remendos a zocos e potas, arranxando mecheiros, afiando coitelos e tesoiras...
Para camiñar andaba anicado e apoiábase en pés e mans, o cal lle dificultaba moito a locomoción. Unha súa irmá xestionoulle en Cáritas a moto-triciclo que mostra orgulloso na foto. O día do estreno houbo de esnafrarse con ela contra un muro, pero cando xa a gobernaba mellor acudiu con ela a Agolada e foi o centro de atención da maioría dos veciños. Era motivo abondo para facer a foto que aquí vos deixo, cedida por algún veciño de Agolada. Xa non me lembro quen foi.
Coa súa moto percorreu carreiros de ledicia entre A Costa e Agolada cando aínda ninguén falaba de barreiras arquitectónicas. E a vida sorriulle uns poucos anos máis. Morreu novo, enfermo, na súa casa natal.
Esta lembranza quere corresponder á camaradería que gastou cos nenos que admirabamos o seu traballo mentres el gobernaba na beirarrúa potas e paraugas.

6 comentarios:

  1. En xullo dixeches que ías pór este posteo e cumpriches coa túa palabra.
    Gustoume coñecer a Baldomeriño.

    ResponderEliminar
  2. cantas horas pasei con el contando contos na sua porta..........
    e cantos anos pasaron......
    que vellos somos.

    Un bo recordo .
    Fidel.

    ResponderEliminar
  3. Que vicio o meu! De cando en vez teño que pasar polo teu blog, e remato sempre abrumado pola paixón e a sabeduría que pós nos mundos que nos regalas. E sempre un gran pracer. Saúdos.
    Vicente Montoto

    ResponderEliminar
  4. Eu non sei se cho comentei xa unha vez; pero non terás algunha foto do Abelardo (o home das berrugas), que paseaba toda a comarca facendo cálculos mentais que nos deixaban a todos atónitos?. Eu apostaría que era de Ventosa

    ResponderEliminar