18 de decembro de 2008

CASA GRANDE DE CABANELAS

A parroquia de Borraxeiros quizais sexa a que conte cun pasado pacego e fidalgo con máis avoengo no concello de Agolada. O castelo medieval que señoreaba o conde Borraxeiros estaba rodeado doutras catro torres na parroquia que nalgúns casos evolucionaron a casonas ou pazos. Sa e Cabanelas puideran ser deste tipo.
A casona que nos ocupa ten elementos abondo para catalogala como casa fidalga ou pacega.
Na foto de arriba e esquerda a porta de acceso no lateral oeste do valado que rodea o pazo.
A portada antiga do recinto pacego conta cun lintel sobreelevado con catro ameas e unha cruz central. Sobran os postes que a modernidade chantou para o tendido eléctrico, alumeado público, teléfono ...
Sobre estas liñas, vemos a parte da casa máis antiga, a que puido corresponder á antiga torre. Presenta unha porta con arco de medio punto e os sólidos muros combinan cantería e cachotería. A construción da dereita sería a posterior evolución a pazo.
No Antigo Réxime foi escribanía da xurisdición de Borraxeiros.
Á esquerda observamos a pedra que sobresae no muro norte e que quedou en proxecto do que ía ser a pedra armeira da casa con coroa baleirada.
Fachada norte. No tellado destaca a señorial cheminea.
Fachada oeste, que mira cara o xardín.
Recentemente a casa foi acondicionada ás comodidades actuais e dotouse o xardín con piscina e outros elementos.

Ceador no medio do xardín, con tellado a catro augas e apoiado sobre columnas prismáticas de cantería.
Curioso elemento etnográfico no valado perimetral do xardín. Un rego atravesa a finca e atopa saída polo muro no lateral norte con esta orixinal solución que deixa catro aberturas rectangulares situadas a diferentes alturas.

5 comentarios:

  1. Curiosísima a solución para o paso do regato. O muiño-hórreo do outro día tampouco ten desperdicio.

    ResponderEliminar
  2. Gústanme as casa así. Se me deixaran vivir nelas, eu claro que viviría, encantadísima. Bicos.

    ResponderEliminar
  3. Denota fidalguía,pero tamén moi bo xeito de facer (non sempre ían xuntas as duas cousas). Tamén me chamou a atención a solución dada ó rego.

    ResponderEliminar
  4. Famosiños postes, sempre tan rechamantes e onde máis se miran. O chapeado de pedra contra o tellado, outra burrada, ainda que sexa unha reforma moderna poideron facelo con cachotes, que sempre igualaría máis.

    De todolos xeitos, fermosas fotos nos mostras da nosa terra, unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. O que máis me chama a atención é a saída para o regueiro no valado. As catro aberturas supoño que se dispuxeron para desaugar as enchentes, non?

    ResponderEliminar