19 de xaneiro de 2009

853. CASA FIDALGA EN CASTRO (SANTA COMBA)

O pasado día 4 de xaneiro disertaba ante un reseñable auditorio sobre o patrimonio arquitectónico dos pazos e casas fidalgas do concello de Agolada. Argumentei, como introdución, sobre os elementos que identifican unha construción fidalga (muros de perpiaño, brasóns, cornixas molduradas, chemineas prominentes con gárgolas e pináculos, ventás e portas con recerco moldurado, portalóns ou muros ameados, solaina-corredor sobre columnas graníticas con capitel, pináculos varios, a presenza dunha capela, pombal, xardín con árbores exóticas, recintos amurallados, etc.). A continuación enumerei exhaustivamente a inxente relación deste tipo de moradas que se estenden por todo o municipio, deténdome nos elementos máis sobresaíntes de cada edificio. Predominaron os datos arquitectónicos sobre os históricos e tamén os valores patrimoniais que invitan á preservación desta arquitectura sinxela e elegante.Ao remate da exposición, varios veciños aportáronme novos datos de interese que lles agradezo desde este caderno. Félix Mejuto coñecía a xenealoxía máis próxima do Pazo de A Baíña e Jaime Varela apuntoume unha casa que non figuraba na miña extensa relación. É a que hoxe recollo en imaxes nesta entrada.Trátase da casa de Jesús de Castro en Castro (Santa Comba). Ata onte non puiden visitala e xa me tardaba o momento de ir coñecela. Por incrible que pareza, pasei decenas de veces a escasos metros dela pero nunca na dirección que me permitira vela. Efectivamente, trátase dunha casa con fidalguía evidente: o elegante portalón de perpiaños adovelados en arco de medio punto, coroado por unha cornixa moldurada sobre a que estarían varias ameas, das que só queda unha e as paredes rematadas polo mesmo tipo de cornixa. Polo leste presenta un corredor solaina, mais parece un engadido moi posterior.
Recentemente a casa foi vendida a un novo propietario que seica quere reformala. Esperemos que teña a idea e a sensibilidade suficientes para respectar estes elementos.

2 comentarios:

  1. Esta casa creo que tiña un brasón e se mal non recordo o Rubia tíñao estudado. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Nun vistazo que botei ao paramento que tapa a figueira, tiven a impresión de que o muro fora desfeito e volto a compoñer de mal xeito. Pareceume que podería ser o lugar dun brasón extraído para levar sabe quen qué camiño. Pero non tiven con quen contrastar esta posibilidade. Grazas pola aportación, pois abre novas luces.

    ResponderEliminar