13 de xaneiro de 2009

852. RUTA DE SENDEIRISMO Á BEIRA DO ARNEGO

Desde hai uns meses vense publicando na prensa a intención do Concello de Agolada de facer unha ruta de sendeirismo á beira do río Arnego desde a Ponte Carmoega á de Vilariño, pasando por lugares emblemáticos desde o punto de vista natural, paisaxístico, etnográfico e histórico.
Como membro dunha asociación que ten dentro dos seus obxectivos a defensa e valorización do patrimonio e como coñecedor da zona sobre a que se pretende actuar, gustaríame aportar algunhas ideas ao respecto. Con humildade, co ánimo de contribuír, sen pretensións e coa autoridade que me dá o ter percorrido os camiños decenas de veces a pé e en bicicleta. E porque me ocupei e preocupei por atesourar información bibliográfica e da tradición oral relativa aos lugares por onde se proxecta a ruta.
Coincido con varias persoas coas que falei do asunto sobre a idea de que sería perxudicial para a paisaxe a intervención con paleadoras, por pequenas que sexan. Deberíanse aproveitar os camiños e carreiros existentes, incluídos os dos pescadores. Tamén as pistas da concentración parcelaria. Hai lugares coma o fondo de Velpellós (sí con V, así aparece no nomeclátor oficial) onde o camiño máis próximo ao río vai a case medio quilómetro do río por mor da forte pendente. Sería un erro levalo a carón do río e destruír a fisionomía da valgada. Igual sucede no Bico da Valouta (valgada outa-alta).
Recollín do Google os mapas que acompaño e neles reseño algúns lugares destacables.
No mapa de arriba o camiño parte da Ponte Carmoega (sería especialmente interesante sinalar e coñecer os restos dun pear da ponte medieval) e vai pola Canuda para adentrarse cara o Sobreiral polas Aceas, onde aparecen dous muíños: o da Devesa e o de Pazos (1). Loxicamente un pouco máis arriba está a tosta que desvía a auga aos muíños anteditos. Co nº 2 sinalo o muíño de Bértolo, de tres moas. Á beira deste muíño queda o pear central dunha pontella-pasarela que comunicaba Carmoega con Palio, Rodís e Cangas (Lalín). Boa ocasión para recuperala e abrir bifurcacións no paseo dos camiñantes. O nº 3 corresponde ao miolo do Sobreiral, espazo de grande interese natural e paisaxístico. No nº 4 sinalo o rego coñecido como Porto do Frade (topónimo ben elocuente se sabemos que a un quilómetro estivo o desaparecido convento de San Sadurniño). Neste punto faise necesario abrir un carreiro e construír unha pontella de madeira para vadear o rego e acadar as pistas da concentración parcelaria.
Co nº 5 marco no segundo mapa o lugar onde se ubicaba o convento de San Sadurniño, que fora lugar de retiro dos xesuítas desde o século XV. Tamén se especula que fose un anterior cenobio bieito. Segundo referencias orais seica quedan no lugar restos dunha antiga condución de auga. Nas casas de Velpellós tamén se poden encontrar vestixios do edificio conventual. Varios veciños sinalan nas casas de Ramón de Negro e na de Jacobo elementos graníticos (cornixas, linteis, perpiaños moldurados...) que pertenceron ao convento.
A ruta podería discorrer pola liña de puntos amarelos que se indica no mapa ata chegar ao punto 6, onde cómpre vadear o rego de Santa Comba (aquí existe unha pontella de pedra) e acercarse ao soberbio muíño de Abeledo, digno dunha restauración esmerada (falarei del proximamente, ben merece un capítulo individualizado).

Desde o muíño de Abeledo, o camiño sobe cara a Vilariño e encóntrase cun antigo camiño que baixaba cara o río para cruzar por unha elemental pasarela de madeira e subir cara a veciña parroquia de Rodís, no concello de Lalín. Recuperar a pasarela e o sendeiro, que agora está completamente cheo de toxos, daríalle máis interese e opcións á ruta.
Seguindo a liña de puntos chegariamos ao nº 7, coñecido como Bico da Valouta (o de Bico está xustificado na forma do outeiriño que baixa cara o río coma un triángulo aguzado). Nesta zona o río culebrea ata a estradiña local de Vilariño. Aquí están os muíños de Vilariño e os restos dun desaparecido batán. Por aquí habería que plantexar dúas alternativas: abrirse paso polos carreiros de pescadores, non sen riscos e a mercede das enchentes invernais; ou buscar os camiños que van cara a aldea de Vilariño.
Entre os números 8 e 10 punteo o antigo camiño medieval, que se conserva intacto, aínda que fortemente erosionado, nun 80% do seu percorrido ata a aldea de Cadrón (Lalín). No punto 9 sinalo o lugar onde permanecen dous peares da ponte medieval de Vilariño, con inscrición fundacional do ano 814 conservada na rocha da ribeira esquerda. Aquí, de acordo co concello de Lalín sería ineteresantísmo restaurar a plataforma de trabes e táboas da ponte para darlle paso aos camiñantes.
E para chegar á actual Ponte Vilariño poderiamos optar por facer un carreiro paralelo á estrada de asfalto desde o punto 8 ata o balneario de Caldelas de Vilariño (outro lugar merecente de mellor destino. O seu estado de abandono inspira tristeza e pesimismo).

11 comentarios:

  1. Está moi ben o de contribuir a recuperar e por en valor todos eses lugares.Apertas

    ResponderEliminar
  2. Está moi ben o de contribuir a recuperar e por en valor todos eses lugares.Apertas

    ResponderEliminar
  3. Busto, gústame en xeral a túa proposta; cando menos precisas bastante por onde ir e que tocar ou non tocar. Sei que non é doado e que cada un podemos ter unha ocorrencia, que, faltaría máis, consideramos a mellor.
    A túa paréceme unha boa proposta de partida á que mellorar nalgún punto ou noutro negociar. O tramo de Cadrón-Ponte Vilariño ou Caldelas non me convence: ben, cruzar o río e repoñer a ponte vella, sen estragar as referencias históricas; mais logo non debe ir a Cadrón, debe encamiñarse directo, e sen perder de vista o río, á Ponte e con unha fermosa pontella de madeira (ollo a cómo se fai!)volver cruzar o Arnego un pouco máis abaixo da fervenza e da área recreativa. Máis curto e moito máis bonito.
    En Velpellós habería que ver e negociar o paso polo muíño de Abeledo, cruzamos xusto polo medio unha propiedade (interesante o muíño e o entorno, aínda que máis estragado có propio muíño); certo, utilizaría o vello camiño do gran e da fariña. Posiblemente se puidese facer un atallo creando un carreiro polo estremo da herdade de Abeledo directo á pontella do muíño.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  4. Totalmente de acordo contigo. Vaia traballo lle daás feito a quen corresponda...

    ResponderEliminar
  5. Eu fago rutas de sendeirismo os fins de semana que podo, asi que si esa vai adiante darei unha volta por aí.
    E, por suposto, coincido contigo que hai que aproveitar os antigos camiños e sendeiros, acondicionalos si fai falta e realizar periodicamente labores de mantemento, pero meter paleadoras paréceme unha barbaridade.
    Apertas e a ver en que queda a cousa.

    ResponderEliminar
  6. Coincido contigo en que os entornos naturais polos que pasen as rutas de sendeirismo ou BTT hai que modificalos o menos posible, canto menos se modifique moito mellor. Basta rozar as silvas e os toxos e pouco máis. Si acaso restaurar os elementos de arquitectura popular e poñelos en valor. Por suposto, nada de cemento nin de asfalto. A ruta tal e como a propós semella que vai ser preciosa e espectacular. Animo con ela. Saúdos.

    ResponderEliminar
  7. Semella unha rota interesante e representativo dos valores da zona.
    A ver se o fan ben e que dure.

    ResponderEliminar
  8. Esta ruta paréceme moi bonita e interesante. O río Arnego, e o seu val, neste tramo é marabilloso:val estreito, con voltas e revoltas no seu trazado, bosque de ribeira, fervenzas, pozas e cachóns, tostas e muíños, pedras desgastadas pola auga, aínda queda algún mexillón nos seus areais, lembranzas vivas do vello mosteiro de San Sadurniño ou da aínda máis antiga ponte en Vilariño...; teno todo. Se a isto lle sumamos o entorno da Ponte Vilariño, abondo estragado, pero aínda valíoso; o sobreiral no outro cabo e no medio o monte baixo de capazos en Velpellós... Que máis se lle pode pedir!
    O acceso no principio e fin é doado para os coches e incluso podes subdividir a ruta partíndoa no monte de Velpellós.
    Merece a ruta. A ver que pasa!

    ResponderEliminar
  9. Ollo Manolo, temos que ter coidado porque volven a xogarnola..
    Levamos anos predicando no deserto e falando de facer unha e outra ruta de sendeirismo, e agora estes benditos, van e falan de meter palas, motoserras...etc.que se eu. Unha tolemia, ¿PEro esta xente está mal da cachola?
    Unha ruta non é unha pista de kawsh, nin para todoterreos ou motos de gran cilindrada...
    Temos que estar vixilantes, Eu pola miña parte xa mandei a miña opinion cun novo artigo de Ao pé do Farelo, que publicaran no FAro, porque non dou credito ao que lexo por ahi sobre o tema. E vou a estar ao loro, e facer entradas no blog, sobre as rutas.
    So faltaria, que agora pretendan destrozar tamen o Sobreiral é o seu entorno.....

    ResponderEliminar
  10. Unha cuestión Busto: sería moi complicado facela circular? Fago rutas e sempre busco as deste tipo para levar un coche só.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  11. Moi de acordo con ao pé do Farelo. Como fagan a mesma desfeita que co camiño de a Ponte dos Cabalos. Non esquecerei o día que levei compañeiros/as ensinarllela. Quen a viu e quen a vé!!!! (se se levantan os constructores do medievo).

    ResponderEliminar