28 de xaneiro de 2009

857. TELEVISIÓN PÚBLICA

Estes días a páxina dixital da Voz de Galicia insiste no tema do feísmo nesta nosa Terra das paradoxas. Isto lembroume que hai case cinco anos, o amigo Pintor levoume á aldea de Buxán (Ventosa) para admirar a arquitectura preciosa e sinxela da maioría das casas. Tamén para ficar estantíos diante da caixa parva que asomaba no tellado dunha corte, medio camuflada detrás do sabugueiro. Reparade no telladiño que recobre o televisor. Podería figurar tamén nesa galería de chapuzas que recolle o devandito xornal.
Hai dous anos, a miña filla pequena quixo participar nun concurso de fotografía sobre feísmo e leveina no coche nun percorrido por varias aldeas de Agolada e Rodeiro para amosarlle varios exemplos. Ela obtivo a súas fotos e cunha toma moi semellante a esta ganou o concurso baixo o lema de Televisión Pública. Efectivamente, poucos televisores hai tan públicos coma este, expostos aos viandantes que poidan baixar polos rueiros do lugar. Quizais a programación non sexa moi variada pero conta ao seu favor co mérito de non ser manipulada polos políticos de turno e por dar o parte meteorolóxico en directo, do tempo que fai, non do que vai facer. Pública e libre, cada un ve nela o que se lle antolla cunha carta de axuste de fondo celeste e nubes grisallas.
Eu pensei en poñerlle nome ao canal emisor por aquilo de que non fique anónima: Teletellado ou Tellavisión. Alguén se anima a buscarlle máis nomes?

7 comentarios:

  1. Estámosche ben!. Por máis que matino non chego a interpretar as razóns de poñela alí.
    A non ser que trastocasen as funcións e puxeran a TV no tellado e na saliña da casa miren para os ferros da antena...

    Nesa liña poderíamos tamén denominala AntenaTV

    ResponderEliminar
  2. Ah, xa chegou a TDT a Buxán ( Tele Do Tellado ) !.
    Eu bautizaría así esta tele que semella ser un peche improvisado dun bufardo.

    ResponderEliminar
  3. Non o non, eso non é unha televisión é un satélite espía que veu caer aí. Trapalladas do espacio exterior.

    ResponderEliminar
  4. O millor o dono cansouse de tanta caixo parva, e ala pa fora. Estou pensando en facer o mesmo coa miña, total para o que botan, polo menos así os veciños disfrutarían dela.

    Logo viría a chamarse TV Comunitaria.

    Tamén pode ser unha televisión chimenea, algunhas botan fume de coidado.

    ResponderEliminar
  5. Ao mellor púxoa aí para vela mentres traballaba.

    ResponderEliminar
  6. Posiblemente sexa una acto reivindicativo para unha mellora da sinal no rural ou algo así... non creo que teña nada que ver cos de Lepe, cando metían a vaca na nevera para beber leite fría :-)

    ResponderEliminar
  7. Pensade nos paxariños, ho! Non me digades que non dá un bo niño.

    ResponderEliminar