8 de febreiro de 2009

862. PALABRAS DE AMIGO

O blog de Manolo Busto, ou viceversa, acaba de recibir o premio Gatoaraña, que concede unha web de turismo na provincia de Pontevedra. E arestoras hai unha tea de amigos e de amigas que viaxan cabo do autor para dar os parabéns por tantas horas en loita co silencio e as tantas légoas de andaina polos vieiros da Terra do Medio. Luces para as sombras. Que así se coce a vida que se ama. Internet é o contributo. E o mundo agradece saber. Todos os blogueiros/blogueiras do planeta que nos nutre son máis ca merecentes da nosa admiración sen lindes.
Manolo era aquel rapaz que repartía na Feira do 12 d'Agolada, nos anos setenta, as nosas voces de activistas naquel papel de catro páxinas que nacera nos fornos amencidos de Melide, Arzúa e na vila dos Pendellos. O voceiro nominábase "O Trebón" e ofertábase a medio peso: aquelas dúas pesetas con dous reás, de outrora. El foi tamén quen vendera na mesma feira de agosto do ano 1975 o meu segundo libro; facía ese traballo impagábel e eu fuxía da vila por mor da timidez e os tantos medos naquel tempo. No 1977 argallamos os dous, sociños, a "Festa dos chóferes" na Carballeira da Zanquiña; era a primeira vez que a bandeira de Galicia campaba luminosa no rueiro, onde os gaiteiros de Froito Novo de Melide tecían marabillas; e o mago Antón, aínda mociño, falaba polo seu moneco Facundo e recompoñía as poucas pesetas en billetes de fartura. Tempos.
Velaí, Manolo, a prehistoria que non minte. Dende xa celebramos contigo esta nominación distinta polo teu soño e o labor de hoxe, presente que anuncia o cariño que debemos ao noso Patrimonio, ese ben insubornábel ás pesquisas e ás endemias da miseria. E velaí o teu blog que labras cada tarde noite, caladiño, como fan tamén nos seus andamios, Ángel Utrera e David,o seu fillo en "A pé do Farelo" e "D'Agolada". Todos tres voceiros na equipa persistentes deste cerne xeográfico emotivo. Faite sabedor da longa nómina de "amigas e amigos" de Aquam Latam, que saudamos a neve novedosa e a brancura deste tempo de febreiro, en agarimo.
XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
Con este artigo publicado na prensa de hoxe (A Voz de Galicia e Diario de Pontevedra) hónrame o amigo e abunda na alegría que a neve e o Gatoaraña trouxeran na mañá do venres. Quede aquí recollido o meu agradecemento e amizade.
(Na foto aparece Pintor na súa casa de Agolada co cadro onde figura seu pai Alfredo de Vila).

8 comentarios:

  1. Fíxome estremecer cando vin o artigo na Voz. Xa che comentaba no post anterior que ser asiduo do Aquam Latam faime sentir copartícipe (mira que son teimudo) deste merecido recoñecemento. Pero as palabras de Pintor...alporízanme o sangue e maila envexa (haberá envexa sana?).

    Outra vez (merecidos) parabéns, Manolo.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Noraboa, Manolo. O teu blog, polo que paso moitas veces sen luxar nas súas inmaculadas paredes, é unha das máis sublimes demostracións de amor que se pode chegar a sentir. A paixón que rezuma cada post que nos deixas é como unha bocanada de aire fresco que nos fai sentir máis vivos e agradecidos.
    E a aperta de buxo do amigo Pintor e o premio son ben merecidos.Abofé que si...
    ¡Longa vida a Aquam latam!

    ResponderEliminar
  3. Noraboa por ese premio , moi merecido. É un luxo para A Golada (e para nós, os lectores) que alguén como ti se preocupe tanto polo seu patrimonio, e o acompañne de tan sentidas verbas.
    Parabens.

    ResponderEliminar
  4. Noraboa, aínda que xa mo dixera Fátima, necesitaba ver como se narraba. E que si que mereces todo isto, e moito máis Bicos.

    ResponderEliminar
  5. Noraboa polo premio e polas verbas que che dedican, que dín moito.
    Dende que descubrín o blog paso moito por aquí e podoche decir que me encanta o teu traballo (e non é pelotilleo). Gústame moito que se recuperen cousas antigas e que no las mostren.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  6. O Domingo tamen publicouno o FAro, xa sabes, que ele necesitan sempre algo mais de tmepo para compoñer a redaccion, e como fixosenos tarde par amandarllo polo correo electronico..o Venrres, pois ao final quedou sin publicar ata o Domingo
    Mais vale tarde que..

    ResponderEliminar
  7. Noraboa por ese premio, que está máis ca merecido.

    Ben me alegro, desde a beiramar cantábrica, onde hoxe, outra vez, peta o vento que dá medo.

    Unha aperta
    Suso

    ResponderEliminar
  8. Pois, con ano e medio de retraso tamén eu te felicito.
    Xa ves que son lectora dende antigo, paso cada certo tempo, pero cando veño doulle un bo repaso, (ás veces ó chou).
    e que, certamente, paga ben a pena, sempre marcho do teu blog coma se volvese dunha viaxe enriquecedora.

    ResponderEliminar