9 de febreiro de 2009

863. N'AGOLADA, GALEGO

Dóeme profundamente a liorta que determinados sectores sociais están protagonizando por mor da lingua. Dóenme as guerras fratricidas e que se enarbore a lingua como unha alabarda ameazante. Máncame os adentros a idiocia argumental dos que menosprezan o galego e a quen o fala. Dóenme os que se din "bilingües" e só miran polo lado ancho do funil.
Rescato dun caixón uns versos sinxelos que escribín hai dez anos sen pensar que algún día verían a luz. Espontáneos e sinceros. Para amosar o orgullo da lingua que mamei.
Esta miña terra
de nome Agolada
ten poucos veciños
e feira sonada.
Naceu no cerne
da Galicia antiga
vendendo e mercando
en galega lingua.
Pasaron outonos,
veráns e invernos
e en lingua romance
aínda respondemos.
Outros tempos chegaron
de costumes modernos
mais nós seguiamos
a falar galego.
Porque sentimos orgullo,
levamos fachenda
nos dicires propios
desta nosa aldea.
Nas feiras o polbo
e a carne ao caldeiro,
galego nas conversas,
son costumes vellos.
Nas feiras de antano,
mancos e tolleitos
pedían esmola
con patrios acentos.
Os cegos cantaban
ao pé dun rueiro
épicos romances
en verbo galego.
Así, a nosa lingua,
a mesma que amamos,
conserva aquí o lustre
dos tempos pasados.
E é por obra e gracia
daqueles devanceiros,
que moi consecuentes,
falaron galego.

6 comentarios:

  1. Pois xa ves, que actuais se fixeron. Estes bilingües son doblemente intolerantes. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Feitos así son tristísimos cando non parvos e que non veñen a conto.
    O galego está ferido grave e aínda vén esa xente a escabichar na ferida.
    O poema é sinxelo pero está ben...para o meu curto entender.

    ResponderEliminar
  3. Gardo o poema para a miña colección de "poemas á lingua" que pouco a pouco vai medrando e que algún día, se cadra, empezarei a colgar no blog.

    Canto ós feitos de Santiago, a min o que máis me amola é que uns e outros lograron un protagonismo que non merecen e ocuparon espazos nos medios de comunicación desproporcionados para o que representan.

    O que non entendo é que a Gloria Lago estea tan contenta con tan cativa asistencia, porque foi cativa, por moito que os de Libertad dixital falen de 18.000 persoas. Érache boa! Eu non sei os que había, dáme igual que sexan 1000 ca 3000, que coa de siglas que os apoiaban, chegados de toda España, non deixan de ser catro gatos.

    Espero que o 1 de marzo poña a cada un no seu sitio.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. O de Galicia bilingue paréceme repugnante e hipócrita. Agora ben, para enfrontarse a eles non é necesario o uso da violencia nin o destrozo de mobiliario urbán, hai outras formas.
    Fraco favor se lle fai o galego con esas actitudes.
    Gustei das túas verbas escritas con sentidiño e coherencia,e gustei dese poema en defensa da lingua nosa.
    Apertas

    ResponderEliminar
  5. LOITEMOS COA VOZ E A PALABRA. SON AS ARMAS DO NOSO EXERCITO QUE ALGÚN DÍA VENCERÁ A QUEN PRETENDE IMPOÑERNOS UNHA LINGUA QUE NON É NOSA NIN SÚA TAMPOUCO.
    UN SAÚDO E ADIANTE CO GALEGO.

    ResponderEliminar
  6. Concordo co que di o Raposo na sua reflexión. Os de G.B. defínense eles soliños cada vez que abren a boquiña; pero as agresións a un xeito de pensar non poden ser permitidas.

    E é ben certo que nin se me antoxa siquera imaxinar o peche dun trato na feira noutra lingua que non sexa o galego.

    Apertas

    ResponderEliminar