5 de abril de 2009

MOSTEIRO DE MELÓN (OURENSE)

Onte, sábado, andei terras ourensás, beiras do Miño anchuroso e calmo de augas domesticadas polas sucesivas represas.
Tiña ganas de voltar a Melón, polo seu mosteiro. Para determe e ver paseniñamente todos os recantos que non vira en visitas anteriores. Quixo a fortuna que así fose.
Quizais para compensar as dores lumbálxicas que me aflixen na última semana, estaban alí os compoñentes dunha banda de gaiteiros para recibirme (andaban con ensaios) con sonoros e acompasados ritmos de gaitas e percusión. Agradecínllelo coa mirada e agora con esta mención.
Andei entre as ruínas para recompoñer mentalmente un crebacabezas imposible de perpiaños, dovelas, claves, capiteis, cornixas, molduras, fustes cilíndiricos e estriados...

Claustros de fermosas arquerías con insólitos arbotantes metálicos esteados en bloques de formigón.
Arcadas xacentes de claustro derrubado, que alguén enredou en colocar sobre un tapiz de terra e herba.
Paredes nas que prende a vexetación buscando as regandixas entre os perpiaños. Coroadas por unha inexplicable garita pétrea.

Pombal enorme de perfectos perpiaños e moreas de granito esperando mellor destino.
A solaina e quizais o scriptorium, na parte alta. Abaixo as cortes e as cabalerizas.
Garita?
Tímpano?
Veni Creatror Spiritus, mentes tuorum visita... accende lumen sensibus...
Cómprenos o Espíritu Santo, a lucidez e a vontade necesaria para ver resucitar estas ruínas. Acordeime dos cartos que se empregaron no Gaiás e noutros dispendios mentres soportamos estoicamente a deixadez e o abandono destes monumentos cargados de historia e de arte (Montederramo, Trandeiras, Monfero, Oia, Lourenzá...).
Ábsidas e absidiolos, arquiños cegos, fiestras abucinadas...


Bóvedas de crucería amparadas polas estribeiras metálicas.

A escaleira principal aberta a todos os meteoros, acumulando brións e silvas de esquecemento.

"Cruzados máxicos" para amparar paramentos de claustro.
Portas con arcos de moldura na parte alta do claustro Reglar.
Melón e San Clodio son as dúas construcións monásticas do Ribeiro, con desigual fortuna. Só fai falta ver o esplendor de San Clodio despois de ser restaurado. E a comparación suscita unha profunda tristeza ao ver o lamentable infortunio de Melón.
Este mosteiro fora casa do Císter e a súa arquitectura mutilada aínda fala elocuentemente da importancia que acadou no pasado. A parte máis antiga que conserva é a igrexa que data dos séculos XII e XIII, con moitas alteracións posteriores.
O amigo Julio B. López Regueiro confesoume en varias ocasións que o seu amor polo monacato mo debe a min. Por esa razón déixolle esta foto-reportaxe dedicada especialmente para el, pola amizade, polo entusiasmo que sempre amosa, porque é un home de compromiso e porque sei que se non coñecese Melón, pronto hai de facer por visitalo.

3 comentarios:

  1. Certo que o meu amor polo monacato naceu daqueles relatos teus sobre Samos escoitados aos meus doce-trece anos no Covento de Melide, e que logo concretei dun xeito especial coa comunidade do Mosteiro Cisterciense da Estricta Observancia de Santa María de Sobrado. De todas as maneiras non descubro nada novo aos seguidores de "Aquam Latam" pois todos os teus relatos sobre os pendellos ou sobre o que sexa non fan máis que xerar prosélitos para a túa causa que non é outra que o amor a esas terras e xentes do centro de Galicia. Coñezo o Mosteiro de San Clodio e o de Melón vino de lonxe. Gustaríame acompañarte na túa visita, pero polo menos quédan as túas fotos e comentarios. Canto patrimonio por descubrir e recuperar... pero se se quere pódese. Moito peor estaba o Mosteiro de Sobrado cando se comezou a súa restauración. Espero que estes días de descanso con motivo da "pascua florida" axúdenche a recuperarche das túas doenzas. Grazas e déixoche pois están chamando a "COMPLETAS".

    ResponderEliminar
  2. Ei de ir a Melón gustoume moite o que puxeches da túa visita. Sen cocoñecernos de nada, estoume danto conta de que temos algo en común, polo que dixo Cuco de Pambre e é o noso paso por Priorada, sentínme apenado cando vin que do convento xa non queda nada, mais sei quén antes de derrubalo deixou todo retratado, aínda foi onte cando pintamos os peques de (vamos a la cama) nas parades e escoitabamos aos Bravos coas cantigas (Black is Black)( Los chicos con las chicas...).
    Desde o Pico Sacro

    ResponderEliminar
  3. Estiven o ano pasado nas ruinas do Mosteiro e quedei alucinado, canta beleza e arte xace á intemperie a espera de que vaia desaparecendo pouco a pouco.
    Xa digo, daquela deixoume marabillado, tomei unhas poucas fotos e tiña pensado facer un post para o meu blog. A falta de coñecementos sobre términos do románico, e as dúbidas a facer unha chapuza deume para atrás.

    Agora ó ver as túas fotos e a reportaxe volvo a alucinar, pero da pena ver que aínda está no mesmo estado, xa que había un letreiro que poñía próxima restauración, e vexo que de momento nada.

    De todo o que máis me chamou a atención son as bóvedas de crucería.

    Moi bo traballo.

    ResponderEliminar