O punto de partida da xornada estivo no antigo campo da feira de Castroncán, onde aínda perviven pendellos en estado de semirruína. Desde este enclave a ruta buscou a ladeira oeste do monte de Santa Mariña para visitar a maior necrópole neolítica de Galicia con 40 túmulos, dos que unha boa parte presentan cámara dolménica. Coa particularidade de que os ortostatos son de pedra esquitosa, circunstancia moi pouco frecuente.
Ciclistas e familiares visitamos os mesmos lugares, desprazándose estes últimos en coche e a pé ata os puntos de interese.
Ciclistas e dolmens.
As serras de Santa Mariña e o Édramo están cruzadas desde antigo por unha vía de comunicación importante. Nas súas inmediacións encóntranse abundantes vestixios arqueolóxicos: a necrópole de Santa Mariña (declarada Ben de Interese Cultural) e a do Carballal (na foto que segue), os castros de Formigueiros, de Margarida e o de Escanlar, petróglifos en moitas rochas das serras...
Varios ciclistas do grupo encaramados na muralla do castro de Formigueiros, rozado, escavado e sinalizado. Presenta uns elementos defensivos sobresalientes: anchas e altas murallas e unha sucesión de foxos e parapetos destacables.
Parte do grupo sentados nun escano de pedra anexo a unha das vivendas escavadas.
Na cima da serra do Édramo construíronse algunhas áreas de descanso e dous miradores. Desde este mirador, que está á altura de Teiguín divísase no fondo do val a vila e o mosteiro de Samos e ao fondo o monte Meda na serra da Albela. A panorámica é espectacular e un pode alongar a vista sobre a vila de Sarria e ata a cidade de Lugo.
A aldea de Toca en primeiro termo, de onde sae un nomeado mel. No cume que hai ao fondo, a aldea de Lampazas, onde non quixo cantar Miguel Ríos.
Compoñentes do equipo na ascensión ao castro de Margarida, entre uces, xestas e toxos. A loita do home contra os elementos.
Aldea de A Balsa, na caída da serra do Édramo cara a Toca. O abandono, os camiños cegados pola vexetación, os desprendementos de terra... ameazan con destruír un lugar de enorme beleza.
Na media tarde, con tento e non sen perigo, fomos explorar as Gralleiras, simas de diferentes lonxitudes e profundidades que se formaron no monte d'O Serrón á beira da aldea de Toca.
A Serra do Oribio, vista desde as Gralleiras, elévase aos 1463 metros. E no retorno quedaba a Casa Forte de Lusío, aínda a medio restaurar. Moi pronto ha de ser lugar de descanso de peregrinos e de museos varios. Para daquela voltaremos.
Vaia, sí que vos agasallastes unha xornada ben interesante!.
ResponderEliminarE deixaches ben ás claras non somente a paixón coa que viviches o día, senón tamén o enriquecedor que debeu de ser.
Graciñas por compartir esas imaxes fantásticas con todos
(Vexo algún ciclista que en algún tramo caro lle costaba levar a lengua dentro da boca...)
Así é como se debe interpretar e proceder na vida, e moitas grazas por compartir esta historia e as panorámicas da nosa terra. Desde o Pico Sacro
ResponderEliminar