O pasado domingo 10 de maio acudiron varios grupos. De entre eles queremos agradecer e salientar a visita de Juan Rodríguez-Villasante Prieto e a súa dona, Carmela Daviña. Retornaban a Ferrol, onde habitan, desde Taboada (Lugo). Desviáronse do itinerario máis lóxico coa soa intención de coñecer os Pendellos, dos que tiñan amplas referencias e coñecemento.
Carmela Daviña é a bibliotecaria da Biblioteca Naval de Ferrol, ubicada no Centro Cultural da Armada.
Juan Rodríguez-Villasante Prieto, coronel de Intendencia xubilado, é académico correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes, Comisario para o Estudo e Conservación do Patrimonio Histórico de Ferrol, director do Centro Internacional de Estudos de Fortificacións e Apoio Loxístico (CIEFAL), organismo pertencente ao ICOMOS.
É autor dun inxente número de publicacións sobre o patrimonio de Ferrol, especialmente do Arsenal e das Fortificacións Militares.
Traballa a prol da Declaración da arquitectura ferrolá da Ilustración como Patrimonio da Humanidade.
Hai anos tamén publicou un traballo sobre os recintos de feira de Moeche, Cerdido e A Barqueira. Atendendo a este último traballo entedemos especialmente a súa visita a Agolada. E resultou moi interesante compartir con eles cuestións referentes a restauración, conservación, valorización e difusión do Patrimonio arquitectónico.
Despois de termos celebrado as Vodas de Prata dos Premios Esquío nos Pendellos en colaboración coa Sociedade de Cultura Valle-Inclán, de contarmos con aquitectos e aparelladores ferroláns traballando na restauración dos Pendellos, e despois desta visita de Juan Rodríguez-Villasante e Carmela Daviña podemos afirmar que os Pendellos e Agolada teñen moitos afectos con Ferrol.
(Na foto superior aparecen Juan Rodríguez-Villasante e Luís Viñas, secretario de "Amigos dos Pendellos", na inferior estou con Carmela Daviña, Juan Rodríguez-Villasante e Marisa Gallego, dona de Luís).
Ningún comentario:
Publicar un comentario