13 de xuño de 2009

AMOR POLA LINGUA PROPIA

Eu non creei este blog para a política senón para o orgullo que se expresa no amor á terra, á cultura e ao patrimonio de Agolada, de Galicia ...
Pero a rabia corróeme por dentro e se non a ceibo non darei arrincado este proído que me percorre desde as entrañas á epiderme. Algúns dirán que é política, pero non. É dignidade. A rabia vén provocada polos infundios e pola xenreira que amosan os actuais políticos da Xunta e xentiña como a de Galicia Bilingüe.
O meu reducido caletre non é quen de entender esta galegofobia, este desprezo superlativo polo propio. Non dou asumido a idiotización á que nos someten as linguas e os "medios" que nos alonxan do noso sentir. Endexamais comprenderei... E agora véñennos con enquisas tendenciosas que perseguen o aniquilamento e a oficialización do linchamento. Pobre país! Que fixemos para merecer isto?
Castro Caldelas honra cunha placa (na imaxe de arriba) no cemiterio do castro aos defuntos que lles deixaron a herdanza da lingua e unha cultura "propias". A min gustaríame honrar aos que nestes tempos, onde impera tanta idiocia cultural, saben enarborar con orgullo o amor pola Terra e amosan signos de resistencia fronte ás falacias con que queren ferir o noso cerne máis íntimo: o GALEGO.
Veñen tempos de resistencia e intelixencia. Resistiremos expresándonos arreo coas mellores verbas, con profusión, desde a casa e a praza, desde a rúa ata a aula, desde o mar ata a montaña, desde a aldea á cidade, en todos os foros, en calquera circunstancia, na intimidade e no público... sempre.

9 comentarios:

  1. É difícil imaxinar a un fillo empuxando ao baleiro a unha nai. É difícil, pero neste caso é. A este goberno non lle treme o pulso... para iso. Para facer mal vale calquera!

    Por dignidade, por amor, por... ser a NOSA, cómpre salvala!!!

    Mil primaveras máis para a lingua galega!!!

    ResponderEliminar
  2. Muitos poucos fan un muito e teremos que aportar o noso traballo con normalidade e sen entrar en polémicas inútiles.

    ResponderEliminar
  3. Empezaches esta entrada coa palabra co pronome "Eu", e rematáchela co adverbio "sempre". Casualidade ou con intención?. Sexa como fose; Eu Sempre concordarei contigo nesto que recolles hoxe. E que lle chamen política ou cesto do aro. No galego confluimos cantos ríos osixenan o noso país. Nel desembocamos e sin él sen rumbo quedamos.
    Nos tempos de hoxe costa entender que pase o que está a pasar; pero momentos peores ten vivido e resistido. Resistirá tamén desta. Somos moitos os "soldadiños"!

    ResponderEliminar
  4. Isto vai supoñer unha dura proba para o ensino. A ver que facemos os docentes. Por outa banda, a partir de setembro veremos como vai sair a Xunta da lameira onde se está a meter.

    ResponderEliminar
  5. Parabens por esas verbas que asino con gusto. Non se pode decir mellor nin mais claro.
    Xa que logo, debemos loitar todos na medida do posible para tratar de evitar o esmagamento do galego e da nosa cultura por estes noxentos politiquillos que nos malgobernan.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  6. Por mais voltas que lle deas non imos atopar saida e tal dislate.
    A propia xunta, que ten de velar e dinamizar a vida cultural, coidar o noso patrimonio, promover e incentivar a lingua, ....???non se entende nin comprende nada.¿Que buscan, que esconden...?
    De calquera xeito o PAis resistiu sèculos, a lingua tamen, resitiran eles ca sùa iniquidade e incultura..???

    ResponderEliminar
  7. Os que a falamos sempre, seguiremos a falala sempre e a escribila sempre, contra iso ninguén pode nin poderá facer nada.Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  8. Estou de acordo con todo o que dis e cos comentarios. Non lles ha de ser tan fácil apartar a nosa lingua, aínda que parte do mal xa o estan a facer.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  9. Polo de agora con Agolada non puideron, ainda que se estou no certo tentouse un "Agualada" ¿nonsi?.Agolada é un nome precioso e, igual que o galego, durará o que nós queiramos que dure. Un saúdo

    ResponderEliminar