O que vale é ter o pico calado. Sempre humildes, deica a fin da vida. Deica a morte non protestar. Ó boi escornón nunca lle faltou cornada. Por moito que bailen, os mandos mandan e mandarán. Se o río corre
para baixo, déixao correr.” EMILIO ARAÚXO
(recollido por Xabier Quiroga en Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra).
Levounos alí a ilusión e coñecemento do amigo e compañeiro Xabier Quiroga.
Partimos de San Fiz (Chantada). Os últimos heroes do maquis protagonizaron o miolo da ruta.
Velaquí na foto pequena o nicho onde repousan á par un obreiro do encoro de Belesar e o guerrilleiro Xosé Castro Veiga, O Piloto, no cemiterio de San Fiz.
Preto de Santo Estevo de Ribas de Miño, unha dura subida foi compensada coa arquitectura da Abadía.
O grupo dividiuse na baixada dos Cóbados de Belesar, por mor da dificultade. Os que fomos por Mourelos recibimos a gratificación das vistas sobre o encoro de Os Peares. Pincelo, a aldea que ollamos mirándose no espello miñoto, ten un nome ben apropiado. Semella saída do pincel dun acuarelista.
O Cabo do Mundo é un mundo de contrastes. Encostas abruptas e doces cereixas. Afastamento, incomunicación e todo o agarimo da paisaxe exuberante.
A xornada tivo todos os ingredientes que se lle poden requerir a unha excursión ciclista: esforzo, suor, natureza, arte, historia, montaña, ribeira, gastronomía, río de augas gordas... cansazo e alegría.
Ningún comentario:
Publicar un comentario