3 de xuño de 2009

ÓSOS NO BOSQUE

O bosque é ese misterio que a natureza envolve na brétema das vagoadas, un xardín debuxado no capricho espontáneo das chuvias e as xeadas. A ágora na que falan de liberdade as alimañas, unha reserva minguada e anacrónica do paraíso perdido.
Quédanos do BOSQUE unha lene reminiscencia. Nese afán de chegar facilmente a calquera sitio, tecemos unha rede de camiños expeditos por onde furamos impunemente cos motores agresivos e invasores. E o bosque así, deixa de ser bosque.
A fauna e a flora do bosque precisan os seus redutos. Para habitar e para depredar. Para existir e permanecer.
Nun deses redutos que beirean o Arnego, en San Sadurniño (Vilariño), quizais se poidan sentir ecos antigos de bosque. Ou case. Alí encontrei a ovella, mellor dito, ósos de ovella mansa, bocado gorentoso de lobo ameazado polas civilizacións e as xenreiras. Lei natural, depredación inevitable, fera estigmatizada.
Non me asustan a presenza do lobo, nin os seus ouveos. Asústame pensar no día en que xa non os haxa. Asústame saber que "homo, homini lupus", non este outro lobo que atrapa unha ovella esporadicamente. (Ben se intúe que eu non era o dono da ovella).
O lobo! Os ollos, o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos careiros
en busca da vagoada máis soa e máis medosa...
UXÍO NOVONEYRA

6 comentarios:

  1. Lembro unha vez que se nos cruzou na estrada un lobo de noite hai muitísimos anos.
    Tamén , asunto algo desviado, dábame mágoa pensar que os grilos estaban en perigo de extinción na Gran Bretaña.
    Graciñas polos piropos adicados ao pequeno da casa.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. "Unha ágora para as alimañas", certo. E alimañas sen sentido peyorativo, porque as verdadeiras alimañas deste planeta somos nós.
    Apertas

    ResponderEliminar
  3. O poema de Novoneyra é un digno colofón para un digno post. Coincido contigo (tampouco son o dono da ovella).
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  4. Seguramente o lobo era a "alimaña" máis temida da miña infancia. Ao berro lonxano, enchendo o val, de "o lobooooooooooo", uníase un estremecemento súbito en todo o meu corpo. Claro que eu daquela non sabía que os verdadeiros lobos somos nos!

    (Si, claro; algunha loba hai tamén).

    Apertas ulláns

    ResponderEliminar
  5. En relación ao "Canis Lupus" hai dous problemas o da educación dos nenos e o "laisse passer" da administración, se os nenos son educados respetando a este animal, fará que non o desprecen e máis aínda que non selles ocorra poñer lazos e comida envelenada como está a pasar na actualidade consultar o artigo de: http://www.elcorreogallego.es/galicia/galicia-ambiental/ecg/lobos-hombres/idEdicion-2009-05-16/idNoticia-427457/
    Na administración débese controlar o número, sobre todo dos xabaríns que nalgunhas zonas xa non se pode cultivar nada e as axudas son nimias e cheas de burocracia.
    É necesario controlar o número do homo lupus, do canis lupus e dos xabarís, os tres teñen cabida, mais o homo lupus ogallá desapareza para ben do homo normalis. Desde o Pico Sacro

    ResponderEliminar
  6. Eu acórdome do medo que me daba a presunción da presenza do lobo, máis cá presenza en si. Cando un sospeitaba que andaba cerca o corazón petaba que parecía que saía da caixa.

    Velaquí tedes outra alusión poética ó lobo, desta vez ós do Faro:

    http://eltoupoquefuza.blogspot.com/2007/01/canteiros-e-poetas-lobos-no-faro.html

    Saúdos

    ResponderEliminar