De poucas persoas teño escoitado tantas anécdotas cheas de fina retranca. Eu mesmo fun testemuña dunha. Era un deses personaxes graduado na universidade do rural, con indubidables habilidades retóricas malia prender algo na fala ao iniciar o discurso. Refírome ao veciño da foto.
Del cóntase que quería casar coa noiva que tiña pero había de superar a forte oposición dos pais desta, que o rexeitaban por pobre, cousa bastante habitual naquela época. Acordou coa moza fuxir da aldea. Ao cabo dunha semana voltaron e presentáronse na aldea dicindo que casaran en Lugo. Os sogros achantaron ante os feitos consumados. Cando lles naceu o primeiro fillo celebraron voda e bautizo simultáneamente logo de confesar a mentira do casamento lugués.
Moitos anos despois, á saída dun enterro, encontrou co crego que os casara nunha taberna da aldea. O cura dirixiuse a el gastándolle a broma:
-Ven pagar un viño, que aínda non me pagaches o casamento!
Ao que el lle respostou facendo uso da retranca que lle era propia:
-E, e logho canto quere? Págholle todo xunto e vólveme descasar!
Pagou o viño e fóra daquel dito nunca amosou intencións de divorcios nin separacións. Respondeu dese xeito porque o seu era dar sempre coa resposta máis enxeñosa.
Era leiteiro e labrego. Durante moitos anos, polas mañás carretaba bidóns de leite desde a aldea ata a vila, onde llos recollía un camión. Nunha ocasión un veciño díxolle:
-Oes, ese negocio do leite vexo que che dá moitos cartos, porque xa levas ben anos con el e non o deixas...
-O.. o.. o..leite, o.. o..o.. leite! Ao leite non lle saco nada! Ao que lle saco algho é a augha!
Varios anos máis tarde presentóuselle a necesidade de ir a Pontevedra para arranxar uns papeis nalgún organismo. E estando no bar da imaxe (alí o retratou Ton van Vliet) falou co propietario do bar da súa viaxe a Pontevedra e o dono do bar, que era taberneiro e camioneiro, ofreceuse a levalo pois cadráballe cunha viaxe de madeira ata Tafisa.
Así que quedaron para o día seguinte ben cedo. Primeiro irían a Tafisa deixar a madeira e logo resolverían os papeis. Ao chegar á factoría el baixouse do camión e buscou un recanto para mexar. Buscou un recanto detrás dunhas pilas de madeira e alí o fixo. Acercóuselle un empregado e reprendeuno sen que soubese moi ben por que o facía. El respondeulle mentres suxeitaba o seu membro cunha man:
E.. e.. e.. logho, esta ma..ma..deira é súa?
Así o refería el. E ao final engadía que despois se decatara de que o empregado intentaba alertalo de que varias administrativas o estaban vendo desde uns ventanais mentres el mexaba.
Dicía que eu presenciara unha das súas argalladas lingüísticas. Era eu universitario e estaba de vacacións. Fun cuns amigos tomar uns viños e atopamos con el. Entón dirixiuse a un dos meus amigos, que era mestre na vila, e espetoulle:
-Don B., levo días cavilando que tempo verbal é amar sen ser amado. Pódemo aclarar?
-Iso non é unha forma verbal, é unha expresión...unha perífrase...
-Unha perífrase!...unha perífrase! Iso é TEMPO PERDIDO!!! TEMPO PERDIDO!!!
Vese que en repetidas ocasións facía uso de recursos aprendidos. Pero iso non lle restaba mérito porque el poñíalle unha chispa especial e moi particular.
Houbo moitas máis. Hoxe déixovos estas, por non me alongar.
Moi boas anécdotas, destes persoeiros ten habido moitos en Galicia, son xente de moita habelencia, dos que todos aprendemos moito; o retranca vai na liña da nosa forma de ser, persoalmente eu de quen máis aprendín an vida foi desta xente, dos licenciados na Universidade da Vida pola Facultade da experiencia.
ResponderEliminarGracias por compartir estas anécdotas. Desde O Pico Sacro.
"Graduado na universidade laboral" Gostei de esa expresión. Penso que en tódalas aldeas houbo, e hai xente así, que amosa a súa sabiduría con seu toque especial, e co que lle ensinou a vida.
ResponderEliminarFermosa foto, como tódalas de Ton van Vliet.
Apertas
Gustoume o de facer cartos coa aghua.
ResponderEliminare que a xente inxeniosa e intelixente non precisa estudios, nin percorrer moito mundo, xa que na vida cotidiana de calquera recanto do mundo, da para todo.
ResponderEliminar