
O pasado domingo durante a VI Ruta BTT a Lalín, volvín pasar por Sanguiñedo e aproveitei para achegarme de novo á aldea de As Bouzas. Estivera alí no ano 1992 nun percorrido pola parroquia. Xa daquelas estaba abandonada. Hoxe a vexetación sobe por valados e paredes e paulatinamente vai engulindo as construcións . A autovía de Lalín a Ourense tallou a montaña por riba do lugar e rouboulle unha miga daquela paz bucólica que alí se respiraba. Na actualidade xa case non quedan signos visibles desde a estrada próxima de que alí houbo un lugar habitado. Como se alguén tivese ditado a sentenza capital e nada quedase por facer ante tal designio.
Naquela data, motivado pola beleza do lugar e conmovido polo abandono no que estaba, compuxen os versos que vos ofrezo.

Que ocultos segredos gardaba o monte
na frouma, nas xestas, no río, na ponte!
As Bouzas son
berce do reiseñor!
Rularon as rulas no aire calado
e as augas baixaban lavando o prado.
As Bouzas son
berce do reiseñor!
Rubía o ciprés abrazando o vento
por entre as casiñas de pedra e cemento.
As Bouzas son
berce do reiseñor!
Palpei o misterio da aldea senlleira
nas fiestras pechadas, nas silvas da eira.
As Bouzas son
berce do reiseñor!
Por máis abandono que se lles prodigue, non hai maneira de que perdan esa forza e beleza que teñen. Que magnífico deseño lograron os nosos antergos, sen ferir o medio!!!.
ResponderEliminarCanto nos queda por aprender, simplemente, tendo o ollo atento cara o adiante; pero sen esquecer o que fixeron antes.
Unha aperta
Que poder de atracción teñen os lugares abandonados !.
ResponderEliminarNon se che dá mal o verso. Certo é que as imaxes inspiran bastante.
ResponderEliminarUnha mágoa que moitas aldeas do interior vaian quedando no abandono e no olvido.
ResponderEliminarFermosos e sentidos versos.
Apertas.