24 de xaneiro de 2010

AGOLADA, A RESISTENCIA FEIRAL IMPOSIBLE

A AGONÍA DOS MERCADOS GANDEIROS TRADICIONAIS
Aínda o gandeiro e o tratante acenden puros, persiste o regateo e mantéñense estampas que pronto poderán verse só en representación etnográfica.
O día 12 deixou unha madrugada desapracible en Agolada. Temporal de chuvia e vento ata ben entrada a mañá. Así non hai feira que resista. Só entraron 65 cuxos rubios, cebados, nese recinto gandeiro que no lugar recordan con máis de mil cabezas hai xa varias décadas. Pero poucos viven xa enganados polo temporal dun día. Agolada, enganchada no mapa desde o norte provincial pontevedrés a municipios da Coruña e Lugo, en terra brava de becerros do país, está librando unha batalla de resistencia imposible. É o último gran referente na agonía imparable dos mercados tradicionais. A Feira do 12 dilúese mes a mes e leva con ela moita historia da Galicia rural e traduce a realidade os titulares sobre despoboamento e abandono do territorio. A concentración de mercados deixa só tres centros de comercialización: Amio en Santiago, a Central Agropecuaria en Silleda e Castro de Ribeiras de Lea en Lugo. O país das mil feiras de gando reduciuse a tres importantes, unha que se resiste a desaparecer e varias decenas máis testemuñais. A media mensual de tenreiros cebados de Agolada foi o pasado ano de 123 animais. Os números non enganan. No 2005, a media fora de máis do dobre, 278 becerros cebados. É o fin das xeracións de poboación que lían o ZZ, o Zaragozano e O mentireiro verdadeiro, almanaques agrícolas de lenda que pasaron de ser de utilidade aos agricultores -sen previsión meteorolóxica que tivese maior crédito- a referente vivo do refraneiro, como contrapunto ás previsións do Meteosat e para recordar as mil feiras que xa non existen máis aló do polbo, do téxtil, do calzado e de produtos de época. Como unha alegoría da fin das xeracións dos calendarios agrícolas acaba de mostrarse o falecemento de José Regadío, de Pas de Rei. Regadío era o cura que durante medio século editou O mentireiro verdadeiro. Dos centos de feiras que aínda se recollen en catálogos nunca revisados fuxiu o gando cara a outros circuítos de comercialización porque se produce carne con modelos distintos e xa non hai xeracións que aposten por cebar un becerro na casa. Quen o mantiña xa non ten idade. Quen o podería facer xa sabe que non é rendible en prezo nin en calidade de vida. E todo isto é liquidar a feira de Agolada, a mellor en becerros cebados, con lenda e mercado en toda Galicia, con carne de primeira e con moitas máis verdades que aínda se conservan na páxina web municipal pero xa son case lenda, porque están en vías de extinción sen que ninguén poida pór remedio. Agolada conta nas súas propias carnes a historia dos mercados gandeiros galegos, das feiras. Explica perfectamente de onde vimos e onde imos neste escenario socioeconómico. Foi no século XVIII cando se creou o mercado tradicional, Os Pendellos, que nos anos oitenta foi decretado como conxunto histórico artístico e que agora se está restaurando. Mentres o recinto actual perde uso e a asistencia dilúese, búscase saída socioeconómica local sustitutoria agarrándose a novos usos dos Pendellos. É un xeito de tratar de renacer, que non hai moitas posibles neste ámbito. Agolada naceu e fíxose forte coa vella feira. Agora non quere que a desaparición do mercado sexa a súa agonía e vólvese a agarrar ás vellas pedras dos pendellos que lle deron brillo. Mentres, aínda cada día 12 hai máis de cen dos mellores becerros cebados de Galicia en Agolada, aínda o gandeiro acende un puriño, satisfeito por unha venda, o tratante despacha a súa faria baixo unha boina que evita levar paraugas e o regateo mantén as estampas que pronto só poderán verse en ambientacións etnográficas, como ocorre coa malla ou a matanza do porco.
Texto: Pablo Viz
Fotos: Marcos Míguez.
Traducido e recollido de A Voz de Galicia, 21/01/2010
ANOTACIÓN PERSOAL: O día que este xornal que se autodenomina a Voz de Galicia publique cando menos o 50% en galego, ese día teremos acadado a pretendida normalidade lingüística.

7 comentarios:

  1. Lin o "informe" hoxe en LVG. Este diario parece que gusta moito dos enfoques tristeiros e derrotistas. Non vou quitarlle ou poñerlle; pero cando o lín percibía un acentuado desacougo.

    Concordo tanto coa túa "Anotación Persoal", que case da noxo...

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Seica a modernidade pasa por isto.
    O da Voz xa sabemos como é.

    ResponderEliminar
  3. Xa sei que non ven o caso da noticia de hoxe, pero paráceme que os de Rodeiro catalogaron cousas que están en territorio de Agolada:

    http://www.bop.depontevedra.es/bop.PONTEVEDRA/2009/bop.PONTEVEDRA.20090424.077.pdf

    ResponderEliminar
  4. Ao que me refería no anterior comentario ven no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de 24 de Abril de 2009.

    ResponderEliminar
  5. Aquí vos deixo unha referencia ben antiga a feira de Agolada, entrada textual que figura na páxina 139, Tomo IV do Diccionario Estadístico de España y Portugal dedicado al “ Rey Nuestro Señor por el Doctor Sebastián de Miñano, Individuo de la Real Academia de Historia y de la Sociedad de Geografía de París”, tomo impreso na imprenta de Pierart-Peralta de Madrid en 1826:
    FERREIROA ( SAN PEDRO DE ): Feligresía de España, en Galicia, provincia y Arzobispado de Santiago, jurisdicción de Ventosa, JO, 44 vecinos, 188 habitantes, 1 parroquia. Situada en las vertientes del Farelo a la derecha del Arnego, junto al puente de Villarino. Confina al N con Esperante, al N E con Ventosa, al SE con Gorgueiro, al S con el Arnego y al O con Villarino. Tiene la feria de la Agolada el 12 de cada mes, en donde se comercia en ganados, fruto, paños, telas, herrages y comestibles. Contribuye 650 rs.

    ResponderEliminar
  6. Coincido coa Chousa da Alcandra este eterno pesimismo. Unha pena!.

    ResponderEliminar
  7. Cando a feira do día 12 sexa historia, o Concello debe establecer un día 12 que caia en fesivo, sábado ou domingo, como día de exaltación e honra da histórica feira de Agolada, organizando os actos que máis a poidan lembrar.

    ResponderEliminar