Non lle parece moita casualidade que as ferrarías estean ao lado dunha igrexa? Teña en conta que antigamente as terras de Agolada pertenceron sempre a señoríos eclesiásticos (antiga xurisdición de Ventosa) e tanto os batáns, muíños coma ferrarías estaban en mans da Igrexa. Isto vén ao caso de que eu sabía da ubicación dunha ferrería en Ferreiroa, xa que recordo hai moitos anos ver escouras como as de San Miguel na finca que creo que se chamaba Moreiras (non estou seguro do nome, pero recordo que está situada xusto por baixo da casa do Sarandeses, fronte á igrexa) e polo lado de baixo da igrexa de Ferreiroa (a cara que dá ao río). E mais, lembro que ao longo do camiño de entrada a Ferreiroa, na marxe esquerda (fronte á casa do Sarandeses ) había un pequeno valado que non era tal senón os restos dunha canle para conducir auga, moi probablemente para a ferraría (non sei se quedará algo disto na actualidade, pero seguro que os vellos do lugar o lembran) , co que a ubicación primixenia da instalación pode ser bastante exacta. Unha ferraría necesitaba sobre todo auga (ademais de mineral de ferro e carbón) polo que o lugar adáptase perfectamente. Con todo, na zona había varias instalacións que aproveitaban a forza da auga (por poñer só dous exemplos: o muiño do Batán cerca da aldea de Río ( Ventosa ) útil , a serra que había cerca do muíño de Racamonde (Gurgueiro), etc.
En canto á busca do lugar de onde se extraía o ferro creo que está moi atinado nas súas pesquisas. Que houbo ferrarías durante moito tempo na zona queda fóra de toda dúbida (non é sitio aquí para estenderme, pero a forma das escouras da foto, unhas esponxosas con moitos buratos e outras máis compactas, xa indican que se empregaron varias técnicas perfectamente documentadas e que se sucederon no tempo) e que había ferro nos terreos máis ou menos cercanos tamén, e de seguro que esparexido en bastantes sitios da zona. Quizás na Idade Media o verdadeiramente importante en Agolada era a produción de ferro, posto que vestixios dunha fundición de ferro son os topónimos ou antropónimos ( Ferreiroa, ferreiros, carboeiros, etc) que fan relación cos elementos principais que acompañan ás ferrarías: o mineral, a madeira (convertida en carbón) e a auga (utilizada para lavar o mineral, para o barro dos fornos e máis tarde para a “ ferraría hidráulica “).
Outro vestixio é que na feira de Agolada, dende os escritos máis antigos ( finais seculo XVIII ) sempre se fala que na mesma se vendían “ herrages de todo tipo “ o que denota que na zona había produción de ferro e ferramentas de dito material. Ademáis da Regueira do Ferro, eu creo que entre Laxosa e A Costa hai unha zona que se chama “ coto das Fontelas ou Regueira das Fontenlas “, e un regato que leva o mesmo nome, que podería facer alusión aos buracos aludidos. E por último os montes están inzados de buracos irregulares ( moi recoñecibles en tempos cando se ía co gando para o monte xa que almacenaban a auga durante bastante tempo converténdose en improvisados bebedeiros para o gando) que en tempos foron empregados para elaborar carbón vexetal. E hai moitas zonas onde aínda se pode ver o característico cor ocre moi emparentado cos lugares onde abunda o óxido de ferro. Achégolle fotos do aspecto que pode ter a paisaxe despois de extraer de forma superficial ferro nela, por se lle serven de axuda na súa búsqueda.Nesta foto vense ocos deixados polas escavacións seguindo as vetas do mineral. Nesa zona igual non existen estas excavacións tan grandes e pronunciadas, pero igual máis pequenas (pequenos regos ao longo do terreo, quizais case borrados pola erosión e o paso do tempo).
Aquí queda o esqueleto das rochas unha vez que se “limpan” do mineral, coma quen zuga un óso.Neste caso a cor do terreo xa delata que houbo óxido de ferro.
Aquí está bastante disimulada a previa extracción, pero se un se fixa dáse perfecta conta de que as rochas non foron modeladas pola natureza senón pola man do home. A cor das penas é un claro indicador.Unha vez baleirada a veta, quedan estes curiosos buracos na pedra.
Aquí está bastante disimulada a previa extracción, pero se un se fixa dáse perfecta conta de que as rochas non foron modeladas pola natureza senón pola man do home. A cor das penas é un claro indicador.Unha vez baleirada a veta, quedan estes curiosos buracos na pedra.
Moi interesante todo este tema das ferrerías e que curioso ese buratos que quedan trala extracción.
ResponderEliminarPena que non teña eu un colaborador así
No caso do campo de escorias de Ferreiroa quero facer algunhas puntualizacións:
ResponderEliminar1- Nunha visita que fixen a ese lugar cando andaban trazando as pistas da parcelaria, atopei un anaco de mineral de ferro sen fundir. Neste momento teñoo medio perdido, pero pode resultar moi importante para descubrir o lugar de procedencia do mineral.
2- Naquela ocasión tamén puiden observar anacos de tégulas (tellas planas de época romana) mesturadas cas escorias. Non estou seguro de haber visto anacos de "sigillata", dado que non recollin mostras.
3- Teño lido nalgunha parte (libro, artigo, ...)que a carón da igrexa de Ferreiroa teñen aparecido restos de ladrillos de fornos (suponse que de fundición do ferro)
En canto á procedencia das menas do ferro que se fundiron, circulou unha estraña teoría de que eran sacadas dun meteorito que caera cerca dese lugar.