As tres primeiras imaxes que ilustran esta entrada son un expoñente máis da historia da feira de Agolada. A feira do 12 era/é un mercado, un espazo de encontro e unha festa. Unha excelente oportunidade para fotografarse cos amigos, coas amigas, vestindo as mellores galas, con chapeu ou sen el. Como decorado de fondo o habitual eran as teas dos retratistas, nas que aparecían barcos de pasaxe ou de guerra, ou paisaxes e cidades exóticas. Pero tamén cabía a opción de escoller un escenario natural. As mozas de Friufe e Santa Comba aquí retratadas , naqueles anos 50, escolleron o adro da Capela das Virtudes, que loce limpo, e con evidentes sinais de ser lugar frecuentado pola xente. Daquela era a única igrexa que había en Agolada e a onde a case totalidade dos habitantes da incipiente vila acudían aos oficios relixiosos.Con estas imaxes (que xentilmente me ofreceu Santiago López Faílde), non só recuperamos a memoria da xente e da feira, senón tamén algo da arqueoloxía dos Pendellos. Podemos observar á dereita un fragmento de parede da Capela, construída en cachotería e raseada cos cales orixinais. Ao fondo, varios pendellos da Praciña do Mel, dos que case non quedan imaxes e que xa se nos ían esquecendo, despois de que nos anos 70 e 80 fosen substituídos polos edificios característicos desa época, como se pode observar na imaxe de abaixo (que corresponde á actualidade). As imaxes comparadas son suficientemente elocuentes. Algo se perdeu no camiño, pero ninguén é capaz de subtraerse aos signos dos tempos. Durante moitos anos, en Agolada existiu unha opinión bastante xeralizada de que os Pendellos non tiñan mérito ningún e que o mellor que se podería facer con eles era tiralos para construír no seu solar vivendas sociais, ou unha versión máis recente que mesmo apuntaba á posibilidade de montar un centro comercial. Como se os Pendellos non fosen xa un excelente centro comercial! Un dos máis antigos de Galicia! E dos máis fermosos!
Hai vilas que teñen unha feira, Agolada non só ten unha feira, é unha vila de feira, con construcións nacidas especificamente para feirear e celebrar o gran mercado mensual. Vila e Pendellos conformaron desde os inicios a mesma unidade morfolóxica, urbanística e vital.
Aínda estamos a tempo de non estragar máis construcións e de volver darlle significado ao que nos queda.
As imaxes teñen ese arrecendo familiar e xenial que lles aporta a cor sepia e a vestimenta da época.
ResponderEliminarChámame poderosamente a atención a pose das catro mozas da primeira imaxe. Todas con un pé adiantado; sería indicación do retratista ou casual?
Apertas en alerta vermella
Si, aínda estades a tempo de non estragar mais construcións, pero fai tres semanas estiven vendo o novo chan dos pendellos e iso non hai por onde collelo digan o que digan os técnicos. Da arrepíos miralo.
ResponderEliminarQue mulleres tan fermosas cheas de ilusións, nalgunha vese tristura encuberta, os tempos eran moi defíceles, aínda así, non escatimaron en galantería feminina; hoxe a súa cara a bo seguro estará marcada polas enrugas por onde correron a suor e as bágoas que cando secas marcaron o seu sorriso.
ResponderEliminarOs Pendellos nese intre non valorados mostran as súas miserias, maís hoxe remozados son eles os galantes.
Desde o Pico Sacro.