25 de abril de 2010

RETORTO / RETORTA


A natureza é sabia e porén ofrécenos anomalías como as da foto. U-la sabedoría? U-la moralexa? Quizais unha metáfora aplicable ás nosas vidas? Ninguén coñece a unha persoa retorta? Velaí o carballo, coas raizames espidas, interioridades expostas a todas as miradas, co seu corpo retorto, reptando, arrastrándose a carón do chan, zugando lamas e vestindo brións. A copa, digna, erguendo timidamente, ao alcance de calquera, vulnerable. Eivada e ferida, non deixa de ser unha árbore. Torta, retorta. O seu tronco retorto endexamais será moble ou trebello, só leña. Final práctico e necesario, pero exento da nobreza dos outros usos. Pero alguén ten que desempeñar ese papel...!
Para completar este artigo tirei dalgunhas frases célebres que poden axudar a completar esta reflexión:
Non hai malas herbas nin homes malos. Non hai máis que malos cultivadores (Víctor Hugo).
Ninguén por ser querido se esforce, que ás veces o torcido se destorce (Popular).
As malas intencións, non están nos ollos (Popular).
A maldade non necesita razóns, bástalle cun pretexto (Johann W. Goethe).
Á árbore que nace torcida cáenlle os paxariños (Popular).
O mal está só na túa mente e non no externo. A mente pura soamente ve o bo en cada cousa, pero a mala encárgase de inventar o mal (Johann W. Goethe).
O verdadeiro mal para unha persoa non é o que sofre, senón o que causa. (Alessandro Manzoni).
Canto mellor é un , tanto máis dificilmente chega a sospeitar da maldade dos outros (Cicerón).
O peor que fan os malos é obrigarnos a dubidar dos bos (Xacinto Benavente).

6 comentarios:

  1. Hai ocasións nas que as "retorceduras", aínda que poden sacrificar a elegancia, materializan a fortaleza. Nunca se sabe...

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Moitas veces o retorcemento é necesario para a superivencia, neste caso a bo seguro que a eiva desta árbore foi por causa dunha amoladura nos seus comezos, aínda así conseguiu sobrevivir y sobrepoñerse as dificultades un bo exemplo para nós.
    Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  3. Seica andan as cousas tortas por Agolada.
    Que logo veñan ao carreiro.

    ResponderEliminar
  4. Prefiro os tortos carballos aos dereitos eucaliptos.

    ResponderEliminar
  5. Hola Manolo!! gustaríame saber se es o qu eu penso. Eres ou fuches mestre? Se si o fuches posiblemente me deras clase fai uns anos no Colexio de Dumbría. Un saúdo de todas todas.

    ResponderEliminar