8 de xuño de 2010

SOBREIRA CON FAROLA

Quixera empezar este artigo cunha desculpa, que vos debo aos asiduos lectores que por aquí pasades. Algúns advertístesme dunha probable perguiza ou dunha certa tardanza en actualizar o blog. Eu ben o noto, cada vez escribo menos. Acuso unha inexplicable apatía. Non quixera cansar; gustaríame manter acesa a chama da ilusión con que emprendín esta aventura, que tantas satisfaccións me leva deparado (tamén algún desgusto). A ilusión é o motor principal que incita a acción, a entregarse aos demais. Si, aos demais, pois este caderno naceu para vós, desde a miña modestia e desde a miña óptica cativa e particular e con todo o meu afecto e desinterese. Aquí están vertidas moitas horas de dedicación, por unha causa que dificilmente podería xustificar tanto esforzo se non soubese da vosa presenza e interese.
Nos seis últimos meses, a miña vida experimentou profundos vaivéns de carácter persoal e creo que aínda non conseguín asimilar tantos cambios e afacerme a una rutina cotiá. O blog é un fiel notario que vai rexistrando o estado de ánimo do autor, polo menos este si o é.
Neste retorno pausado, traio noticia das sobreiras de O Vento (Bermés-Lalín). Agora a miña bici lévame tamén polas terras de Lalín, Dozón e Rodeiro.
Pois en O Vento hai unhas enormes sobreiras. E sorprende velas nestas altitudes e con tanto porte. Pero aínda máis pasmei ao ver a farola que lle colocaron a unha delas. Observo que nesta cuestión da luz pública tamén hai xente con poucas luces.
Na primeira imaxe probei a obter un forte contraste entre o amarelo dos nabos floreados e o verde escuro das sobreiras.

8 comentarios:

  1. Está claro que a sobreira ten mais luces que os chafalleiros que fixeron esa aberración.
    Pola maior o menor actividade do blog non se preocupe, vostede o seu ritmo.
    Apertas e siga pedaleando, porfa, no blog e na vida cotián.

    ResponderEliminar
  2. Seguimos aí, sen lugar a dúbidas, o seu blog ten moi boas cousas e sobre todo moi ben expresadas; o tema de hoxe é simpático, aínda que a farol séntalle coma un carracho nos pinreles do que se lle ocorreu poñela.
    A vida a todos nos da patadas acotío, pero hai que saber encaixalas, e os fin de semana esquecer todo, tomar unha cunca de viño e un bo polbo e logo a voltar a loitar na liorta humana que nos rodea.
    Desde o Pico Sacro

    ResponderEliminar
  3. Como somos seres vivos temos bos e malos tempos e a vida fai que nunha etapa se nos dea por facer unha labor e noutra cambiamos de parecer.E logo están as circunstancias persoais e as musas que nos acompañan ou nos deixan sen motivo aparente.

    O da farola foi idea dun falto de musa que non se lle ocorrería pór semellante trapallada diante da súa casa, seguriño.

    Ánimo coa vida real e a blogueril.

    ResponderEliminar
  4. Hai que ter ben pouca anchura de miolos para espetarlle unha farola á sobreira, carallo!.

    E súmome ás palabras de ánimo anteditas. O blog, aínda que efectivamente é para os lectores, ten que satisfacer primeiro ó autor. Ti vese que disfrutaches, transmitíndonos ese goce en cada entrada túa.
    Ti, que eres amante do ciclismo, ben sabes que en todo hai etapas...

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  5. ESPERO QUE NON DEIXE DE FACER ESA GRAN LABOURA QUE FAI CASE QUE ACOTIO , QUE A ALGUN QUE OUTRO LLE DEIXA VER OS LUGARES E A XENTE QUE MAIS QUERE , LEVANTANDOLLE O ANIMO PRECISO PARA COLLER FOLGOS E TIRAR PA ADIANTE UNHA APERTA MOI FORTE E MILLORATE POLO MOITO BEN Q FAS POR TODOS.

    ResponderEliminar
  6. Eu, que acabo de chegar non poido emitir xuizos, nin darche unha palmada na espalda, só decir que te lerei(cando escribas), tes boa vista para as imperfeccións medioambientais. Un bico

    ResponderEliminar
  7. ¿Pero ti non ves que grazas o teu blog eu acabo de pasar dez minutos rindo vendo a sobreira-farol?

    Coídate.

    Saúdos dende A Ulloa

    ResponderEliminar
  8. A sobreira sobrevivirá, porque precisamente tén unha codia flexible.

    Lembra de seguir tirando do fío do dos Teleclubs.


    Ánimos, folgos e iluminación

    Juanjo

    ResponderEliminar