Era febreiro de 1926. Día 3. Feira en Lalín. Sol e frío. Unha americana exótica aparece por Lalín a bordo dun vehículo a motor, que con dificultade avanza polos intricados camiños daquela Galicia rural. Vén provista de cámara de fotos para inmortalizar a historia do mundo cotián e rutineiro de nós. Chámalle a atención a feira, os pendellos, os telderetes provisionais, as xentes de pel curtida e axada prematuramente. Viaxa na máquina do tempo desde a súa Nebraska natal, comisionada pola
Hispanic Society of America en Nueva York, para gravar a etnografía dunha terra ancorada na historia. Era
Ruth Matilda Anderson.
Había pendellos de feira en Lalín. Non sabemos se poucos, se moitos. Estaban a carón do actual parque de Loriga. A "progresión" da vila causou que se derrubasen para dar paso a construcións máis "modernas". Agora Lalín dóese de non ter casco antigo. Nin castelo dos Churruchaos, nin pendellos, nin as casas vilegas que acollían baixo as pedras os comercios pioneiros e as pousadas dos camiños. Derrubar para substituír por formigón e aluminio. O mesmo ca en moitas outras vilas. Que difícil conxugar pasado e modernidade!
Telderete de venta de zocos
Cacharreiros de Niñodaguia (Ourense)
Quen puidese ir co ela dotado dunha cámara dixital !.
ResponderEliminarA documentación fotográfica da Galicia dos anos vinte que fixo Ruth Andersson é un documento dun valor incalculable para todos os galegos. Viña con ollos estranxeiros é iso fixo que vise cousas que os ollos de aquí non vían.
ResponderEliminarSaúdos
As tres fotos son moi representativas da época pero a máis lograda é a do zoqueiro que con mirada pícara de comerciante que as sabe todas está a analizar á persoalidade do que con boina mira con receo ao único modelo de zocos, tamén ao que é máis atrevido que agarima coas súas mans a calidade do coiro e o pau dos zocos; pódese ver a unha señora con sorriso máis familiar a bo seguro está a ollar cara o seu home ou compañeira que están a disfrutar da feira.
ResponderEliminarCon eses zocos forrados de brochas amainábanse as corredoiras e carreiros e os nosos pes amoldábanse as formas que a gubia lle dera ao pau contra o peito do zoqueiro.
Desde o Pico Sacro.
A verdade é que a exposición que estivo ata hai pouco , a máis completa na Coruña é ben boa.
ResponderEliminarE o valor desa mulleriña, e dou seu pai, que era outro hispanista, de ir polos camiños, con coche e mulas, máis ainda.
Sae hoxe enlazada esta entrada en vieiros.com.
Saúdos
Juanjo
Disfrutei da exposición cando pasou pola Coruña, e ata puiden recrearme nalgunhas delas das terras de trasdeza de onde son eu. (emigrada á cidade de pequena, coma tantos outros rapaces do rural)
ResponderEliminar(en destempo ou a deshora, sempre é interesante un mergullo polo teu blog)