23 de xuño de 2010

MARCOS XURISDICIONAIS

Hai menos dun mes andei a buscar as fontes de onde zuga o Arnego o seu caudal. Nas terras altas de Camba. Por curiosidade e tamén por pescudar na xeografía que me define. Eu nacín na ribeira dereita do Arnego nun abril de augas mil. O Arnego é a arteria da parroquia de Carmoega e a miña casa natal escoita o balbordo da auga cando o río engorda. A auga, o río e máis eu vimos andando un mesmo camiño vital. O Arnego fora tamén unha ameaza. De momento incumprida. Mellor dito, a ameaza era política; o Arnego, o instrumento que se pretendía encorar.
Nesa visita aos regos que dan orixe ao Arnego, andei pola ponte da Almucela, por Farán e polo Pontillón de Casar de Seta. E neste pontillón foi onde encontrei unha sorpresa agradable en forma de monolito antigo historiado. O da foto. Coa inscrición Dozón. Desde o primeiro momento pensei nun marco xurisdicional, unha pedra fincada coas que fixaban os límites xurisdicionais das divisións administrativas nacidas no Antigo Réxime. Iso levoume a pensar noutra que coñecía nos lindeiros de Dozón co Irixo, ou o que é o mesmo da provincia de Pontevedra coa de Ourense (Foto de abaixo).
Ao chegar á casa consultei os límites actuais entre Dozón e Rodeiro e obtiven como resultado que o marco está situado a uns oitocentos metros dos lindeiros de Dozón. Deducín que o trasladaron ata alí. Por certa lóxica na xeografía e por confirmar os actuais límites como os antigos.
Moi ben podería tratarse dun marco do coñecido Couto Real de Dozón, terras onde o señorío era exercido directamente polo Rei.
Lamentei a recente inscrición do símbolo da música na parte alta do monolito. Pero en calquera caso aledoume o día.

3 comentarios:

  1. Cantas veces os "marcos" foron motivo de liortas e pelexas.
    Meu pai ten moito interés en levarme a ver os marcos das leiras e propiedades. Di que é importante saber onde empeza e onde remata...Tén razón, sin dúbida. Aínda que non teña moitas ganas heino de facer en breve. Se atopo un con tanto xeito coma os que ti amosas para delimitar provincias, compartireino dende a Chousa.

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Alédome de que ningún encoro se fixera no teu Arnego para que o son do balbordo teña o mesmo requintar que cando ti eras rapaz; oxalá que nunca se fagan máis encoros nos nosos ríos eu prometo que sen non hai alumeado público volverei a coller o farol do gas cheirento e os fachicos de palla para andar de noite.
    O meu balbordo do Ulla xa nunca máis o volverei a escoitar, cambia de son a cada pouco a cotío semella estar no inverno cando é verán.
    Marcos, malditos marcos, cantos sufrires houbo na nosa terra por culpa deles, ¡ canto se aproveitaron os avogados de silveira da teimudez e miseria dos nosos antergos !.
    Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar